Dende hai
uns anos vimos escoitando nas noticias cada certo tempo sobre os
malos resultados que obtén España no informe PISA. Pero, a que fan
referencia estas siglas? O Informe do Programa Internacional para a
Avalación de Estudantes é realizado trianualmente, e nel analízase
o rendemento dos estudantes de 15 anos de diversos países en tres
áreas académicas: ciencias, lectura e matemáticas. Por todos é
sabido que a puntuación que obteñen os alumnos españoles nestas
probas é moi baixo se o comparamos con outros países da Unión
Europea, pero é este un indicador de que os rapaces españoles son
realmente máis vagos ou menos intelixentes que a media dos países
europeos?
Evidentemente, hai algo máis detrás deste "fenómeno PISA". PISA avalía simplemente esas tres competencias, pero ademais de ser esta unha selección moi pequena de destrezas, só se escolle unha pequena mostra de estudantes dalgúns institutos para realizala. Ademais, tampouco avalía a inversión do estado en cuestión en materia de educación, nin moito menos de que maneira chegan e se aproveitan eses recursos nos diferentes centros. Outro aspecto que hai que sumarlle a este feito é que algúns países situados nas altas escalas do informe tamén contan con un sistema de probas de avaliación diagnóstica parecidas ás que se realizan alí. Isto tamén pode ser un indicador de que os alumnos dalgúns países xa están máis acostumados a realizalas.
Non
obstante, non podemos dicir que non haxa nada que mellorar do noso
sistema educativo. Ten fallos moi importantes con respecto aos
idiomas, por exempplo, xa que somos un dos países onde máis cedo se
introduce a primeira lingua estranxeira na escola (dende a educación
primaria), mais tamén un dos que peor competencia lingüística ten
noutros idiomas. Ademais, o enfoque do currículo non é o apropiado
para corrixir e mellorar a expresión e a comprensión oral do
alumnado, que case non produce nin é exposto a input no idioma
estranxeiro.
Un dos
modelos educativos a seguir en Europe é Finlandia. Este é un país
no que a educación se considera un aspecto fundamental para o
desenvolvemento económico do Estado, de xeito que se invirte moito
nela e aprovéitanse eficientemente os recursos que o goberno ofrece,
que ademais, son distribuidos atendendo ás necesidades de cada
centro. A educación é gratuíta, universal e plurilingüe ademais
de personalizada: en cada clase, o profesor intervén para apoiar ao
alumnado con necesidades de aprendizaxe e lograr así que non
aumenten as desigualdades entre eles. En consecuencia, a docencia é
unha profesión moi valorada, á que só poden acceder os alumnos de
expedientes brillantes. Non obstante, visto que os profesionais
españois da pedagoxía louban os beneficios da educación no país
finés, ás veces xorden movementos de docentes que a ironizan e
comparan co sistema español. Un destes exemplos é a creación do hashtag #ColegiosdeFinlandia en Twitter, no que os profesores
acudiron ás redes sociais para denunciar esta comparación.
Fóra de
Europa, o sistema dos países asiáticos ten moita fama por ser moi
competitivo, que busca a excelencia e que "agobia" ao
alumnado con tarefas extraescolares e deberes. Non obstante, unha das
sorpresas que nos atopamos é Canadá, un país que destaca pola súa
política e educación lingüística bilingüe. Aquí non existe un
sistema educativo nacional, senón que é competencia de cada
provincia lexislar e crear o plan de estudo. A educación tamén é
gratuíta e está baseada en gran parte no respeto ás outras
culturas e linguas (non en van, en Canadá conviven o inglés e o
francés). Asimesmo, dáselle unha importancia vital á educación
emocional, que tamén é unha das grandes olvidadas no noso caso.
Estes dous últimos puntos poden ser uns dos factores clave do éxito
da educación neste país, que sería conveniente adaptar ao noso
sistema.
En
conclusión, é bastante evidente que tódolos países son
diferentes. Non todo o que funciona en Finlandia, Xapón ou Canadá
vai funcionar en España, porque temos culturas, historias e cidadáns
distintos. Porén, considero que algunhas medidas que toman estes
estados (como por exemplo, a educación emocional ou o respecto ao
plurilingüísmo) deben ser prioridades no noso sistema tamén. Outro
factor que debemos ter en conta é que a filosofía da educación non
é a mesma nin as familias se involucran da mesma maneira en tódolos
países; pero algo que teñen en común as nacións cun alto nivel
educativo é que a lexislación educativa se adapta aos cambios da
sociedade, sen estar suxeita ao control e ao cambio político. Nisto,
España aínda ten moito que aprender.
No hay comentarios:
Publicar un comentario