A terceira clase de didáctica foi, quizais, a máis práctica que
tivemos ao longo de todo o máster. Nun primeiro lugar empezamos por
facer unha actividade de warm-up para coñecernos mellor:
consistía en dar tres afirmacións persoais e distinguir cales delas
eran verdadeiras e cal era a falsa. Esta actividade recordoume moito
a unha que eu apliquei cos meus alumnos, aínda que é algo
diferente: o que eu fixen foi facer unha estrela e en cada unha das
puntas escribín unha palabra ou número. Logo os alumnos debían
facerme preguntas por quendas e intentar adiviñar a que se refería
a información que lles proporcionei en cada punta da estrela. Desde
logo, paréceme unha boa forma xa non só de presentarse e de
coñecerse, senón de avaliar aproximadamente o nivel
de inglés que ten cada alumno. Dese xeito, podemos saber de onde
partimos sen ter a necesidade de facerlles pasar unha proba escrita ou
oral ao alumnado, e ademais é unha actividade pola que soen
mostrar certo interese.
Logo pasamos a facer unha reflexión sobre as competencias, o que son
e como se traballarían na clase de lingua mediante exemplos de
actividades. A pesares de telas visto con anterioridade, o noso
coñecemento só incluía os seus tipos, de xeito que foi unha
sorpresa bastante agradable poder aplicar algo que coñeciamos de
antemán dunha maneira moito máis práctica. Esta parte foi moi
interesante sobre todo de cara a planificar as clases nun futuro, xa
que é algo que se esixe e que debemos integrar nas nosas aulas.
Todos sabiamos, por exemplo, como integrar a comunicación
lingüística na clase de idioma estranxeiro, pero que pasa co resto
das competencias? Todas elas deben ser traballadas. Unha das
competencias que máis me sorprendeu que se puidese traballar tan
facilmente en clase de linguas estranxeiras foi a matemática, e non
precisamente polo feito de que non fose consciente de que se debe
traballar, senón que me parecía moito máis difícil dende o punto
de vista de como enfocar actividades de inglés que a incluísen. Pois ben, todas aquelas que inclúan números (por
exemplo, a expresión da hora, as unidades de medida, os días e
meses do ano, as porcentaxes, etc.) ou que traballen a lóxica son
boas formas de aplicar e mellorar a competencia matemática en clase.
Parece fácil visto así, pero persoalmente, nunca me parara a
reflexionar sobre o aporte que ten o tratamento dos números nas
aulas. Outra das actividades propostas que se me fixo innovadora foi
unha das que comentamos na competencia cultural. Neste caso, o que eu
tiña en mente xiraba máis ben arredor de incluír actividades relacionadas coa cultura que se está aprendendo, no noso caso, a
anglosaxona. Porén, esquecía a importancia tamén da cultura de
partida, un tema que comentamos tamén na clase do tratamento do erro
con Carlos. Neste sentido, tamén é crucial que os estudantes saiban
transmitir a súa cultura noutro idioma. A importancia sobre a
concienciación e a sensibilidade cultural non só a debemos
traballar co alumnado de cara a que aprecien outras culturas, senón
tamén a que aprecien a súa e saiban distinguir e transmitir os seus
rasgos característicos.
Gustaríame comentar tamén o que aprendín con repecto á
competencia dixital, xa que a miña idea era traballar en clase con
ordenadores, tablets ou cos recursos dixitais dos que dispoña o
centro. Pero a competencia dixital vai máis aló: nas nosas
mans está educar para que os discentes desenvolvan boas
prácticas na rede. Moitas veces tendemos a deshumanizar ás persoas
cando se atopan detrás dunha pantalla e perdemos unha parte de
empatía. Concienciar aos adolescentes de que a rede é unha arma
poderosa, pero que ten dobre fío, pode previr prácticas como o
cyberbullying. Ademais disto,
tamén cabe destacar que debemos mentalizalos sobre
a fiabilidade do material que se pode atopar e
guialos sempre para que
poidan discernir que información é útil da que non o é.
Todo isto tamén forma parte da competencia dixital: o saber usar a
gran variedade de recursos que nos ofrece internet.
Outra das partes da clase que me pareceu máis explicativa e
ilustradora foi a que se refire á competencia de aprender a
aprender, que fai referencia á autonomía do alumnado á hora de
complementar a aprendizaxe das clases. Aquí apareceu un dos grandes
olvidados: o dicionario. Como é sabido, hoxe
en día xa case nin é preciso ensinarlles aos rapaces a ordenar
alfabeticamente, xa que o uso dos dicionarios en papel está
decrecendo cada día máis en favor dos dicionarios dixitais. Isto
implica un gran aforro de tempo e espazo, pero así mesmo, conleva un
descoñecemento de búsqueda dos tipos de palabra que se pretenden
atopar. Chamoume moito a atención un dos exemplos que
se ofreceron na clase, a tradución ó inglés da frase "gústanme
as froitas tropicais, especialmente o mango", por "I like
tropical fruits, specially handle". Esta é unha anécdota que
nos mostra que a dixitalización dos dicionarios non só ten partes
positivas: hai unha realidade detrás que tamén hai que coñecer,
porque é unha fonte constante de erros. Para suplir estas carencias,
o docente pode mostrar este exemplo en clase para exemplificar que a
búsqueda debe ser profunda, non superficial. De feito, paréceme un
exemplo tan bo que probablemente o aplique nas miñas clases nun
futuro, xa que dunha forma sinxela e directa mostrámoslles a
necesidade de saber como e o que buscar.
Por último, foi para min moi revelador o que se tratou sobre a capacidade de iniciativa e espírito emprendedor, xa que hai
outros aspectos que se soen ter máis en conta (como a gramática, o
léxico, etc.) e esta pasa máis por alto en termos de avaliación.
Como xa comentei nunha das entradas anteriores, a miúdo esquecemos
que a iniciativa e a creatividade tamén deben ser premiadas. Ao
longo da miña etapa educativa, nunca tiven un docente de inglés que
nos dese certa liberdade para facer os traballos que nos propoñía.
Si que os tiven en clase de francés, e os resutados que obtíñamos
eran considerablemente diferentes: en inglés nunca obtíñamos nada
tanxible e creativo, todo eran redacións, exames ou exercicios para
entregar; porén, nas clases de francés fixemos, por exemplo, un
noticieiro con diferentes apartados (falando de clima, deportes,
novas...), noutra ocasión fixemos un planning de visita a
unha cidade francesa da nosa escolla con un mural para expoñer,
incluso chegamos a facer as biografías dos nosos compañeiros
mediante entrevistas "de incógnito" (sen que o
entrevistado se dese de conta) como regalo do amigo invisible.
Quizais unha das razóns para que non fixésemos este tipo de
actividades foi que en francés o alumnado era moito máis reducido,
mais tamén penso que se podería adaptar unha actividade a un grupo
por probar se funciona. Se non, estaremos condenando as nosas clases
a caer nunha rutina, e os alumnos tamén se poden acabar desmotivando
e estancando a súa aprendizaxe.
En conclusión, a clase pareceume moi útil, sobre todo no que se
refire a aporte de ideas para implementar nas aulas e tamén para concienciarme da necesidade de dispoñer de creatividade e enxeño para ser unha boa docente.
Excelente mestura de resumo e reflexión; góstame que relaciones o contido da sesión coa túa experiencia persoal e cos contidos doutras materias ou doutras sesións deste mesma materia.
ResponderEliminarUnha cousa máis. Sería moi útil para nós que no apartado de Arquivo do blog aparecesen etiquetadas as entradas baixo o nome de cada profesor/a (Carlos, Ana, Luz). Ten en conta que temos que seguir casi 40!
ResponderEliminar