“Errar
é humano”: esta é unha verdade universal aplicable a todo o mundo
e en tódalas situacións, incluídas as clases de linguas. Porén,
moitas veces olvidamos esta realidade, tanto como alumnos como
profesores, e tendemos a estigmatizalo para que non se volva cometer.
Na segunda clase de didáctica debatemos sobre o erro e o seu
tratamento nas clases: acaso non é o feito de errar inherente ao
proceso de aprendizaxe?
Desde
que somos ben pequenos aprendemos a base de equivocarnos. Ao
articularmos as nosas primeiras palabras ou ao empezar a camiñar, a
nosa vida é un ciclo constante de erro-corrección-aprendizaxe, e
isto é o que ocorre tamén, por suposto, ao aprender linguas
estranxeiras. No caso da ensinanza de idiomas está máis que claro:
sen produción non hai aprendizaxe, pero é imposible para calquera
alumno non errar nunca: o erro é básico, xa que é un indicador de
que se produce, de que hai un output na
lingua estranxeira por parte do aprendiz. Neste sentido, tal e como
comentamos nesa clase, errar é construír hipóteses sobre como se
di algo nun idioma, ata que finalmente se dá coa solución correcta.
Como
docentes, haberá moitas ocasións nas que teñamos que corrixir aos
nosos alumnos para que produzan cada vez de maneira máis adecuada,
pero unha das cousas máis complicadas é realizar as correccións de
xeito que non afecten negativamente á autoestima nin a participación
do alumnado.
Considero
que un dos grandes problemas que temos en España á hora de aprender
idiomas é que temos un grande sentido do ridículo e un medo
irracional a enganarnos. Isto pode deberse a moitas causas, pero o
seu efecto principal é que nos custa producir, e que se unha vez que
o facemos vemos que nos equivocamos moito, a próxima vez
intentaremos participar un pouco menos. Ou non participar.
Evidentemente, esta non é unha reacción pedagóxica, pero si que é
unha reacción normal.
Na
aula de idiomas sempre se debe favorecer e estimular ao estudante a
que se corrixa e aplique correctamente o que aprende, pero as
correccións nunca deben estigmatizar os erros que se cometen para
non coartar a produción do alumnado, que é a forma que teñen de
aprender. Se ademais esta situación se repite podería darse un
bloqueo cognitivo, e o alumnado pode ter a falsa percepción de que
se lle dan moi mal as linguas, por exemplo. Este é precisamente o
maior erro: non producir, xa que é a única maneira na que somos
completamente impermeables á aprendizaxe. Como docentes, ás veces
esquecemos que a valentía de producir, sabendo que a equivocación é
case segura, tamén debe ser premiada, sobre todo se estas pequenas
equivocacións non impiden a comunicación. Por exemplo, se o
discente esquece poñer o “s” de singular na terceira persoa do
presente de indicativo, é un erro de tipo gramatical, pero non
impediría a comunicación con un nativo. Polo tanto, reflexionemos
antes: é un erro tan importante?
Outra
cousa que debemos ter en conta é que o erro é un síntoma de que o
alumno comeza a construír a súa propia interlingua, e polo tanto,
de que está a aprender. É moi importante que sexan conscientes de
que están aprendendo e falando outro idioma, e isto é algo que o
docente debe saber transmitirlles para impulsalos e motivalos a
continuar mellorando. Se non fose así, arriscámonos a que os nosos
alumnos se centren máis no que fan mal e que non aprecien o que fan
ben, e sen esa conciencia de aprendizaxe tampouco logramos que
avancen. Nesta clase recibimos uns trucos moi útiles para corrixir a
produción sen estigmatizar os erros. Uns deles son os seguintes:
- Utilizar cores diferentes ao vermello. Hai un cambio na percepción do erro se se corrixe noutra cor. Incluso podemos crear un código de erros (por exemplo, en verde os erros gramaticais, en amarelo as faltas de ortografía...).
- Non riscar as frases ou palabras incorrectas na escrita; subliñar ten mellor resultado.
- Na fala, non interromper a expresión do alumno.
- Facilitar a reformulación das expresións incorrectas mediante preguntas, de xeito de que sexan conscientes dos propios erros.
Como
vimos, estigmatizar o erro non ten utilidade nin sentido, sobre todo
desde que o enfoque cognitivista puxo o centro de atención do
proceso de aprendizaxe no alumno: se o alumnado é o importante, son
eles os que deben reformular ata que atopen a solución adecuada.
Equivocarse está na natureza do ser humano, así que non podemos
pedirlles perfección aos aprendices. Como ben di unha frase popular,
“equivocarse é de humanos; rectificar é de sabios”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario