sábado, 21 de enero de 2017

Actividades por competencias

Para traballar algunhas das competencias que vimos en clase, velaquí vai a miña proposta. Nesta aula trataremos o tema de dar indicacións en inglés. Estaría dirixida a alumnos de 3º de ESO e está planteada para ser tratada nunha clase duns 50 minutos aproximadamente.

Nun primeiro lugar, como actividade introdutoria e para facer memoria das frases que se utlizan en inglés para indicar direccións, podemos facer un xogo de busca en clase. A idea sería ensinarlles un obxecto aos alumnos (pode ser incluso un bolígrafo ou calquera tipo de material escolar) e escondelo para despois darlles as direccións e que poidan atopalo. A partir de aquí, podemos comprobar o que recordan e proporcionarlles algunha axuda se notamos algunha carencia, para que así poidan desenvolver as actividades posteriores.

Unha vez rematada esta parte, pasaríamos ao groso da sesión. Nunha aula de informática, preferiblemente, proporcionámoslles unha ligazón de Google Maps. Por exemplo, esta: http://bit.ly/2iNQpi4. Este é o resultado da busca.


A idea é que os estudantes estarían situados nunha cidade dun país de fala inglesa (eu escollín a cidade inglesa de Brighton, por exemplo). Poñémolos na situación de que son estudantes estranxeiros que se atopan en Inglaterra, e que deben chegar aos sitios que lles propoñemos mediante indicacións. Podemos aproveitar ademais para escoller algúns sitios de interese turístico que haxa alí e comentalos en clase, deste xeito o alumnado descubre un pouquiño máis unha pequena parte dunha cidade anglosaxona e pode observar tamén as diferenzas entre esta e as cidades españolas. Algúns sitios que se poderían usar para a realización desta actividade serían ser os seguintes:
  • Parque (Victoria's Gardens)
  • Centro comercial (Churchill Square Shopping Center)
  • Palacio (Royal Pavilion)
  • Museo (Brighton Museum and Art Gallery)
  • Concello (Brighton and Hove City Council)
  • Sitio turístico (Brighton Pier)
  • Teatro (Theatre Royal Brighton)
  • Restaurante (Silo Brighton)
  • Hotel (Hilton Brighton Metropole)
  • Supermercado (Tesco)

Nun primeiro lugar, pode ser o docente quen dé as instrucións, polo menos nun par de ocasións, para que se acostumen á metodoloxía. Despois, sería o turno dos discentes de dar as indicacións: por grupos, poden escoller un sitio e proporcionar direccións para que a clase poida chegar ao lugar proposto. Incluso se pode facer un concurso por grupos para ver quen é o que antes dá co sitio indicado.

Con esta actividade conseguiríamos que os alumnos aprendan a ler mapas, polo que ten unha utilidade real. Se nalgún momento viaxan ao estranxeiro, é moi necesario que saiban orientarse e dar direccións, así como pedilas e seguilas, por ser esta unha acción habitual cando viaxamos. Deste xeito estariamos traballando a competencia lingüística mediante a producción e a interacción oral, pero ademais trataríamos a competencia dixital (deben ser quen de seguir os mapas coa vista satélite online), a competencia de aprender a aprender (como comentamos antes, aprenden a usar un mapa e a orientarse) e a competencia matemática (mediante a interpretación da información espacial, que lles permite deducir o sitio ao que deben dirixirse). Se ademais complementamos esta actividade con un role-play na que un alumno se perde e o outro debe dar indicacións, tamén poderiamos traballar a autonomía e o espírito emprendedor, así como a competencia cultural, ao ter que utilizar fórmulas conversacionais  de cortesía como "excuse me", "please", "thank you" ou "have a good day", que sempre debemos utilizar en inglés.


1 comentario:

  1. A idea é boa, pero véxolle algúns problemas porque penso que se van liar moito utilizando Google Maps, xa que esta é unha ferramenta para chegar aos sitios sen precisar axuda. Sería máis práctico poñelos nun lugar real do seu entorno (por exemplo, a entrada do instituto ou nun lugar ben coñecido, Vigo, o Sireno) e ter que explicar a un turista por onde se vai a diversos lugares. O procedemento sería o mesmo pero quizás só coa axuda dun plano de Vigo (ou onde sexa) proxectado na pantalla, por si teñen que buscar o lugar, nomes das rúas, etc.

    ResponderEliminar