miércoles, 4 de enero de 2017

Tema 6: o método AICLE


Unha das carencias que ten a ensinanza de idiomas na educación secundaria e no bacharelato radica no escaso input ao que está sometido o alumnado. Como a pronuncia e a oralidade son consideradas "secundarias" na avaliación interna, os docentes dan as clases no seu idioma materno, en vez de facelo no idioma estranxeiro. Por todos é sabido que para adquirir un idioma, escoitar, producir e errar son condicións sine quea non, de xeito que como reacción a este problema dende fai uns anos houbo un incremento da aplicación da metodoloxía AICLE nos centtros.

O AICLE, ou Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras, é un modelo de educación que consiste en dar as clases dunha materia non lingüística (como Historia, Matemáticas ou Física) no idioma estranxeiro. Este método ten dous obxectivos principais: en primeiro lugar, a aprendizaxe dos contidos propios da materia; e en segundo lugar, a aprendizaxe ou mellora da lingua estranxeira.
Persoalmente, eu nunca participei neste tipo de método, mais coñezo de primeira man a xente que si o fixo. As experiencias que refiren son todas moi positivas: eran un número reducido de alumnos, as clases desenvolvéronse sen problemas, o profesor tiña amplos coñecementos do idioma no que impartía as clases, fixéronse excursións a sitios anglófonos e aínda que ao principio había certos problemas de comprensión, ao final de curso notaron unha melloría importante tanto nas notas da lingua estranxeira con respecto aos rapaces da outra clase, como na súa competencia comunicativa. O esforzo e a dedicación á materia tamén incrementou, pero en xeral, as experiencias nese curso foron moi positivas.

Porén, tampouco nos podemos olvidar de que, como todos, este método tamén ten os seus inconvenientes. Un deles é o feito de que calquera profesor que certifique un nivel de B1 poida impartir as súas clases en inglés, por exemplo. Este non é un nivel suficiente para garantir que o profesorado coñeza ben o idioma e que non cometa erros, xa que poden imitarse e sedimentarse no alumnado tamén. Por outra parte, tamén hai que ter en conta que os contidos que se poden impartir nunha materia cando se dá noutro idioma nunca van poder ser os mesmos que se se impartise na lingua materna. Isto ten sentido, xa que os alumnos non van aprender ao mesmo ritmo e pode ser que precisen aclaracións lingüísticas adicionais, de xeito que se lle resta tempo á asignatura.
Un dos inconvenientes máis grandes que para min ten este sistema é o feito de que aplique en asignaturas como matemáticas ou física e química: materias nas que o alumando soe ter máis problemas de comprensión, que pode que se dificulten máis aínda.

Baixo o meu punto de vista, o método AICLE pode ter moitísimas vantaxes para a aprendizaxe das linguas se se utiliza correctamente, pero ten algunhas cousas que cambiar. Dende logo, unha das primeiras é a certificación, que debería ser moito máis alta para poder dar clase noutro idioma. Por outra banda, algo que tamén considero importante é de ofertar a materia coa opción de ser dada no idioma materno ou no estranxeiro, xa que deste xeito non estaríamos obrigando ao alumnado ao que non se lle den ben os idiomas a cursala noutro distinto. Por último, outro aspecto que me preocupa dende o punto de vista da docencia de idiomas é que se comecen a dar tódalas clases en inglés, visto que a demanda no mercado laboral é cada vez maior., e que poida resulta contraproducente Paréceme de vital importancia preservar e promover tamén as nosas linguas cooficiais, e en especial, o galego, que cada vez está menos presente no mundo académico.


No hay comentarios:

Publicar un comentario