miércoles, 4 de enero de 2017

Tema 4: o deseño curricular base


O currículo, como un dos documentos reguladores do proceso de aprendizaxe, é unha elemento clave na ensinanza que recolle os obxectivos, competencias, contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables, a metodoloxía e os criterios de avaliación para cada unha das ensinanzas. Neste tema aprofondamos e vimos máis de cerca o currículo educativo en materia de linguas estranxeiras na ESO e bacharelato, na FP e nas ensinanzas de réxime especial.

En primeiro lugar, debatemos sobre as competencias do currículo que se indica que se deben desenvolver nas clases. Estas son: a comunicación lingüistica, a competencia matemática e en ciencia e tecnoloxía, a competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido de iniciativa e espírito emprendedor e a conciencia e expresións culturais. Todas estas competencias deben intentar introducirse tamén, evidentemente, nas aulas de lingua estranxeira; porén, a comunicación lingúística e a competencia matermática son, en teoría, as que se lle designan como máis importantes. A primeira delas parece bastante evidente: nunha clase de idioma o máis habitual é traballar a interacción e a habilidade comunicativa; non obstante, algo que parece estraño é que se teña que traballar tamén a competencia matemática e científica nunha clase de idiomas. Por conseguinte, algúns dos contidos que se deben introducir nas clases teñen que estar relacionados con este tema (facer algún reading sobre un artigo dunha revista de divulgación científica podería ser un exemplo de actividade que se podería traballar).

Asimesmo, tamén comentamos as competencias que ten cada nivel da Administración no deseño do currículo. Os niveis de concreción curricular recaen nun primeiro lugar no Goberno do Estado, que a grandes rasgos é quen determina o contido do currículo; logo é o Ministerio de Educación quen o determina a avaliación e as competencias; a continuación o goberno da Comunidade Autónoma fíxa os horarios lectivos e, por último, os centros compleméntano e concrétano mediante documentos coma o PEC (Proxecto Educativo de Centro) e o PCC (Proxecto Curricular de Centro) con proxectos educativos e curriculares.

Desde a implantación da LOMCE, os obxectivos xerais da ensinanza de linguas durante a ESO van máis encamiñadas, teoricamente, a que os alumnos poidan expresarse de xeito apropiado nun ou varios idiomas estranxeiros. Coa promoción do plurilingüísmo e a multiculturalidade nas aulas, a primeira lingua estranxeira pasou a considerarse asignatura troncal. Isto implica que a carga horaria que teñen durante calquera curso e modalidade da ESO sexa de 4 horas, de xeito que aínda que a materia se considere importante, considero que non son demasiadas clases para aprender unha lingua. Por outra parte, a avaliación ten que ser continua (xa que debe recoñecer a evolución do alumnado) e adaptada para os alumnos con necesidades específicas, pero non se especifica en ningún momento que deba incluír un apartado dedicado á expresión e comprensión oral, por exemplo, que sería unha forma máis eficaz de comprobar que os alumnos poden expresarse de maneira máis ou menos efectiva. No bacharelato o obxectivo da materia é que os alumnos se expresen con fluidez e corrección, de xeito que xa hai un salto cuantitativo na forma de expresarse con respecto á ESO. Tamén cambia a carga horaria, que se reduce a 3 horas para tódalas modalidades, aínda que o tipo de avaliación mantense neste caso.
Por outra banda, a segunda lingua estranxeira é unha materia específica, o que implica que a carga horaria dedicada a esta asignatura é menor: nos dous primeiros anos da ESO é obrigatoria e adícanselle dúas horas semanais; en terceiro pasa a ser optativa coa mesma adicación de horas, pero en cuarto, aínda que tamén é optativa, amplíase a carga a tres horas á semana. No bacharelato tamén se segue considerando optativa, pero en 1º son dúas horas semanais e en 2º aumenta unha máis.

Unha das novidades que introduciu a LOMCE foi a FP básica, na que a lingua estranxeira forma parte da formación obrigatoria, ainda que forma parte do módulo de Comunicación e sociedade. Un dos aspectos que máis impacto me causou foi o feito de que para impartir a materia de lingua estranxeira nos ciclos formativos só sexa preciso acreditar un nivel B1 de habilitación lingúística, por parecer escaso e moi limitado para dar clase. Actualmente non considero que aínda conte cos coñecementos suficientes para impartir as clases do idioma que estudiei toda a miña vida, ó que dediquei unha carreira e un máster, así como algúns veráns noutros países con programas de inmersión lingüística. Como é posible que un docente doutra materia calquera poida facelo SÓ acreditando un B2?


Por último, tamén comentamos o caso das ensinanzas de idiomas de réxime especial; é dicir, os que se imparten na Escola Oficial de Idiomas. Actualmente en Galicia contamos cunha ampla oferta de idiomas nas diferentes cidades onde se pode asistir á EOI, e cada vez empézase a introducir máis a modalidade online para aquelas persoas que non poden asistir a clase diariamente. Ademais, tamén ofrece a posibilidade de obter unha certificación e o recoñecemento do nivel obtido mediante a superación dos exames sen ir a clase, xa que é posible preparar as probas por libre. Ante a crecente necesidade de obter unha certificación que acredite o nivel de idioma que se domina, a EOI é unha boa solución á que todo o mundo se pode adaptar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario