miércoles, 4 de enero de 2017

Tema 3: as certificacións de linguas


Como xa comentamos con anterioridade, a implantación do MCERL supuxo unha tentativa de homologación dos niveis de idioma para as diversas linguas, mediante a proposición dun estándar europeo polo que rexerse á hora de avaliar os coñecementos duna persoa que está aprendendo unha lingua. Non obstante, aínda hai dificultades á hora de discernir a que nivel deberían pertencer certos alumnos segundo as súas competencias lingüísticas, como pode ser o caso dos estudantes de secundaria e bacharelato. Na teoría, o estudantado que supere con éxito o bacharelato ten garantizado o B1 da lingua estranxeira da súa escolla ao longo da súa escolarización; porén, este dato non sempre é aplicable. O currículo, a temporalización, a capacidade do profesorado de chegar aos discentes, a motivación do alumnado, a disposición das aulas e outros moitos factores alteran en certa forma a interacción e o desenvolvemento da capacidade comunicativa nun idioma estranxeiro. É aquí onde entra en xogo a confluencia de contextos que tratamos en entradas anteriores, que fan do proceso de ensinanza-aprendizaxe algo complexo e impredecible. Deste xeito, haberá alumnos que rematen o bacharelato tendo un C1 e outros que o fagan tendo un A2, por exemplo. A causa desta descompensación de niveis, cada vez son máis as empresas que requiren que os seus futuros traballadores se sometan a avaliacións externas de idiomas, visto que as avaliacións internas dos centros non sempre ofrecen uns resultados precisos. En consecuencia, xorden así as certificacións de idioma, unhas probas de avaliación externa rexidas por organismos ou escolas oficiais que permiten recoñecer a competencia lingüística de todo estudante de idiomas que se presente a elas. No caso do inglés, as máis coñecidas poden ser as certificacións de Cambridge, mais tamén existen moitas outras, coma a da Escola Oficial de Idiomas, o TOELF (Test of English as a Foreign Language) ou o IELTS (International English Language Testing System).

Os exames ESOL (English for Speakers of Other Languages) da Universidade de Cambridge son uns dos máis coñecidos: as certificacións expedidas están recoñecidas en máis de 20.000 organizacións internacionais, contan con diversas academias de preparación e centros de examinación nas principais cidades do mundo, hai a posibilidade de realizalos online e ademais o título que se proporciona ao final de cada nivel ten validez ininterrompida.

Os exames da Escola Oficial de Idiomas só son recoñecidos a nivel estatal, mais tamén se poden realizar convalidacións dos certificados de idioma con outras institucións e tamén teñen unha validez ininterrompida. O que destaca desta institución é a gran variedade de linguas que se ofertan: dende o inglés ata o árabe ou o chinés, de xeito que as posibilidades son moi amplas. Ademais, tamén hai a posibilidade de ir a clase para preparar os exames ou preparalos por libre. Contan con moitos centros en todo o territorio nacional, mais non en todos eles se ofertan as mesmas clases de linguas.

No que ó TOELF respecta, as súas probas están centradas nun público xa máis limitado, xa que demostran o dominio do idioma inglés na súa variante estadounidense. As certificacións expedidas son recoñecidas por unhas 8 500 institucións en 130 países. Ao igual que nos exames da Universidade de Cambridge, tamén poden ser computadorizados; mais unha das principais diferencias entre os dous é que o TOELF ten unha validez de dous anos.

Por último, o IELTS é un sistema internacional de proba na que interveñen a Universidade de Cambridge, o British Council e IDP IELTS de Australia. Neste caso, o método é un pouco diferente. É un dos requisitos de admisión en universidades e compañías de Reino Unido, Australia ou Nova Zelanda. A diferencia dos outros, este tipo de proba non se "aproba" ou "suspende", senón que simplemente indica o nivel de dominio lingüístico dun usuario.

Como conclusión, cabe destacar entón que a pesares dos intentos de unificar os estándares lingüísticos nos idiomas estranxeiros a nivel europeo, aínda queda un longo camiño por percorrer. Para lograr que os alumnos acaden os niveis de lingua que lles correponden por curso, é preciso que as clases vaian enfocadas a tal efecto e que haxa un cambio substancial nas avaliacións (adaptalas ao que se pide nos exames externos) e nas clases (fomentar a comprensión e expresión oral, máis que a gramática). Con respecto ás diferentes certificacións, hai un amplo abano de posibilidades, todo se trata de preparar ben os exames, saber o que se pide en cada un deles e, por suposto, escoller o que máis se adapte ás características e coñecementos de cada un.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario