lunes, 30 de enero de 2017

A importancia do ambiente na clase de idiomas e o concepto de "Minimax teacher"



Nesta sesión aprofondamos un pouco máis no concepto de “Minimax Teacher”, que xa nos fora introducido na primeira sesión con Luz. A idea detrás deste termo é que para os docentes de idiomas non é necesario contar cunha grande cantidade de material ou con complexas ideas para crear actividades, senón que podemos minimizar ese esforzo de preparación das clases e maximizar o output e o rendemento do alumnado. Con respecto a este novo concepto, puiden atopar unhas charlas en YouTube na canle English Central nas que se explica bastante ben en que consiste e como lograr ser un “Minimax Teacher” con algúns exemplos de actividades. Aquí deixo o primeiro destes vídeos:




Falando de exemplos de actividades, algunhas das que vimos nesta categoría son as actividades introdutorias ou warming-up activities, entre as cales fixemos unha de memorización en cadea e outra de memorización tamén na que o alumnado se pasa unha pelota de papel e debe proporcionar información sobre si mesmo e recordar a dos demais. Estas actividades resultan ser moi boas non só para romper o xeo ou avaliar o nivel xeral dos aprendices, senón que ademais son de grande utilidade para nós como docentes á hora de coñecer algo máis sobre eles, e o que é máis importante, para quedarnos cos seus nomes.

Pode parecer unha nimiedade, pero o feito de aprender os nomes dos alumnos é algo que debemos facer tan pronto como cheguemos á aula por primeira vez. É unha forma de mostrarlles seguridade e interese polo grupo clase, e pode sernos moi favorable para conseguir un bo ambiente dende o primeiro día. A todos cando eramos alumnos nos gustaba que os docentes mostrasen algo de interese en nós, e sobre todo, nunha etapa tan difícil coma a da adolescencia. Nesta época de confusión só queremos sentirnos apoiados e queridos, dunha ou doutra forma. Recordo, por exemplo, que unha das miñas profesoras nunca se aprendeu o meu nome e pasou ata finais de curso chamándome “Melania”. Nin que decir ten que non era a miña profesora favorita, e non polo feito de que fose mala docente, senón porque sentía que se nin sequera tiña interés suficiente en min para aprenderse o meu nome, por que debía telo eu pola súa asignatura? Esta é unha barreira fácil de romper e que nos pode facilitar moito o contacto co alumnado e que mostren máis interese na nosa asignatura. Algo que tamén comentamos na clase foi, relacionado con isto último, a importancia de crear un bo ambiente no que o alumnado se sinta cómodo e poida participar libremente. Algo que nos pasa comunmente aos aprendices na clase de idiomas é que non sentimos a suficiente confianza en nós mesmos para producir, de xeito que é moi importante que o docente sexa unha figura que nos inspire confianza e que saiba traballar a autoestima dos rapaces ao mesmo tempo que os redirixe para que non cometan erros. Esta é unha das cousas que máis difíciles me parece de facer: que os alumnos teñan confianza e que vexan ao docente como unha figura positiva, á que respectan e coa que teñen unha boa relación. Para min, conseguir este equilibrio é moi complicado, xa que é preciso delimitar desde un principio o rol que cada un desempeña na clase, e é algo que me preocupa bastante de cara ás prácticas nos centros.

Con respecto outras das habilidades que debe ter o docente das que comentamos en clase e que considero que debería traballar, está o debuxo. Comprendo a importancia de saber debuxar para transmitir ideas que non se comprenden en inglés sen necesidade de recorrer ao idioma materno, pero así como anécdota e con toda a sinceridade, as miñas habilidades co lapis son tan pésimas que cando intentaba xogar ao Pictionary cos meus alumnos case sempre remataba en críticas á miña maneira de debuxar. Intentarei mellorala para que nalgún momento se deixen de centrar tanto no debuxo e se centren máis no obxectivo da actividade, de todos xeitos.


A parte da clase que me parece máis interesante sempre é na que nos proporcionan ideas de actividades. Ao sermos case todos principiantes na docencia, e ao ter unha experiencia previa tan tradicionalista no que se refire á aprendizaxe de idiomas, resulta difícil ás veces ser creativo e ter ideas divertidas para aplicar nas clases. Nesta aula tratamos as actividades para traballar a escritura, e a verdade é que nunca pensara na grande cantidade de dictados que podemos facer, e nin sequera que puidesen chegar a ser algo divertido para os aprendices. Será algo que seguro que vaia a aplicar nas miñas clases, porque é unha forma amena de que se fixen en como escribir e que ademais (por exemplo, no caso do running dictation) ten un compoñente de competitividade que podemos explotar.

2 comentarios:

  1. Estou totalmente dacordo con que algo tan simple como aprender o nome dos alumnos é moi importante para eles e para a relación e ambiente de grupo. O ser capaz de conseguir diferenciar ben os roles profesor/alumno a min tamén é algo que me asusta, pero non dubido que o conseguiremos!
    Dende que fixemos o reto na clase de "Innovación" eu tamén me dei conta do importante e fácil que resulta incluir actividades máis artísticas das habituais. Unha vez máis, os nenos aprenden case sen darse conta.

    ResponderEliminar
  2. Entendo que te preocupe o feito de ser quen de crear un bo ambiente nas túas clases onde estea ben determinado o rol do profesor e o dos alumnos, pero non te preocupes, simplemente ocúpate. Estou segura que o conseguirás porque tes moi presente que non te gustaría ser unha profesora que chamase Melania durante todo o curso a unha rapaza que se chame Melisa.

    ResponderEliminar