Na seguinte clase de didáctica centrámonos nun enfoque didáctico
que pode resultar moi interesante de aplicar á aprendizaxe de
linguas estranxeiras: o CALL, ou Computer-Assisted Language
Learning. Os meus coñecementos previos sobre este enfoque eran
practicamente nulos no que a teoría se refire, pero dunha maneira
inconsciente, todos os da clase participamos ou tivemos contacto con
el nalgún momento, xa que todos coñeciamos plataformas como
Duolinguo, Hot Potatoes, os MOOC e ferramentas para aprender idiomas
coma os canais de YouTube. Porén, ningún de nós deu clase de
idiomas seguindo o enfoque CALL no instituto, por exemplo. As nosas
clases eran moito máis tradicionais nese sentido.
A miña experiencia co CALL está máis ben relacionada coa propia
expreriencia como aprendiz autodidacta e como docente. Por exemplo,
teño utilizado este tipo de ferramentas para mellorar as miñas
habilidades en linguas estranxeiras pola miña conta e interese, e
ademais utiliceinas cos rapaces ós que lles dei clase. Con eles
utlizaba aplicacións para móviles ou tablets (como por exemplo,
"Heads Up!"), así como páxinas web adicadas á ensinanza
do inglés ("Learn English for Teens", do British Council)
ou canles de YouTube (ASAP Science), que normalmente funcionaban moi
ben para tratar algúns temas interesantes. Ademais, a eles
gustáballes moito porque variabamos un pouco o que facían nas
clases de inglés do colexio e instituto; deste xeito, creábase un
ambiente cómodo en clase e a participación e implicación do
alumnado era máis activa. Aínda que non consideraría que as clases
que impartía fosen exclusivamente centradas no CALL, tamén é certo
que o alumnado só escribía en papel en contadas ocasións. Isto
débese, en parte, a que a grande maioría dos discentes tiñan boas
notas en lingua estranxeira e viñan ás clases para perfeccionar,
asentar coñecementos e practicar o inglés oral nun ambiente máis
distendido, de xeito que se facía innecesario contar co apoio do
papel.
Así mesmo, pareceume moi interesante o tema tratado na clase de como
as redes sociais se están transformando en novas plataformas nas que
podemos integrar contidos de lingua estranxeira. Máis
particularmente, sorprendeume a aplicación que ten Facebook, por ser
unha ferramenta utilizada por milleiros de persoas e que todo o mundo
ten asociada á socialización. Baixo o meu punto de vista, ten unha
gran cantidade de aspectos positivos integrar redes sociais coma
Facebook para a aprendizaxe de linguas: para empezar, case todo o
mundo está familiarizado con ela e sabe como funciona, ademais de
que é un entorno que o alumnado soe identificar co tempo libre e a
diversión. Por outra parte, está o feito de que é completamente
gratuíto e permite facer unha gran variedade de actividades
interactivas cun aspecto moito máis agradable e á que os alumnos
teñen sempre acceso, xa que soen ter os teléfonos con conexión a
internet en todo momento, e isto facilita tamén que poidan facer as
actividades que se lles pidan. Así mesmo, o docente ten control
sobre o que fan os alumnos na páxina da materia: sabe cando entran,
o que viron, as actividades que realizaron... neste sentido, tamén
permite facer un seguimento da actividade de todo o mundo. Pero evidentemente, para cada boa idea tamén texisten os
inconvenientes. En primeiro lugar está o feito de que non podemos
utilizar Facebook con menores de 18 anos, de xeito que o seu uso
limítase bastante en canto a franxas de idade; logo, tamén entra en
xogo o feito de que o alumnado non tome en serio a materia (que se
asocien as redes sociais á socialización pode traer problemas deste
tipo); e por último, por nomear algúns deles, que hai moitas máis
distraccións ca en calquera outra plataforma que teña fins
educativos.
Encantoume poder coñecer e indagar novos materiais e ideas
innovadores que podemos aplicar nas clases. A fin de contas, hoxe en
día a docencia está pegando un xiro de 180º e temos que abrir as
nosas mentes e explorar novas posibilidades para adaptarnos a estes
cambios. Como ben di o refrán, hai que "renovase ou morrer"!
No hay comentarios:
Publicar un comentario