Mostrando entradas con la etiqueta escrita. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta escrita. Mostrar todas las entradas

lunes, 6 de marzo de 2017

Actividades de expresión escrita, parte II

 Na terceira sesión aprofondamos un pouco máis sobre o visto o último día, que xirou entorno ás actividades de expresión escrita. Este tipo de actividades soen ser máis "pesadas" de facer para o alumnado, xa que a produción oral é algo que se fai no momento e do que tes un feedback instantáneo, pero na escrita non pasa así, de xeito que soe ser unha das tarefas que se fan na casa. Ademais, algo negativo que ten escribir en inglés para o alumnado é que para eles non ten un propósito: facer drills, por exemplo, ou escribir un e-mail falando sobre os beneficios da comida saudable non é atractivo de facer para eles. Polo tanto, é a nosa tarefa darlles un propósito ás actividades de expresión escrita para que queiran facelas de forma correcta e que se motiven a escribir en primeiro lugar. Unha boa forma de lograr isto é mediante un programa de intercambio de cartas cun instituto británico, escribir ao docente información sobre si mesmos, escribir algo para un concurso do instituto ou un traballo con información sobre algo para colgar na clase ou nos corredores. O feito de expoñer algo da súa creación soe ser unha actividade que lles gusta realizar, así que podemos aproveitar esa baza para propoñerlles tarefas que se lles fagan máis levadeiras.


Outras das actividades de produción escrita que me parecen, ademais de completas, interesantes de facer, son tanto a de Ode to an object como a da descripción a través dos cinco sentidos. Foron actividades que nunca realicei na clase e que me parecen moi inspiradoras e creativas, que desenvolven a imaxinación dos rapaces dunha maneira extraordinaria. Por outra parte, tamén falamos de que os vídeos, cancións ou imaxes tamén nos poden servir para facer actividades de produción tanto escrita como oral. En clase falamos do vídeo de Ormie the pig, xa que a partir del pódense crear unha grande cantidade de actividades para diversos niveis. Un vídeo que me recordou moito ao de Ormie é The Gift, un corto sen voz (só con banda sonora) que tamén utilicei con alumnos de diversas idades para facer descricións, utilizando un vocabulario máis pobre no primeiro caso e un rexistro máis elevado no segundo. Ademais, os adolescentes poden sentirse identificados en certa forma co que conta o vídeo, que trata sobre a dor que produce unha ruptura amorosa e a felicidade de atopar un novo amor. Debo dicir que nas miñas clases tamén deu lugar a un debate candente entre rapaces e rapazas sobre quen era o culpable da ruptura, de xeito que polo menos a participación foi bastante activa, aínda que seguiu un derroteiro un pouco off-topic do que eu pretendía nun principio. O corto en cuestión é o seguinte:



 Á hora de describir emocións e acontecementos, un dos short clips que escollín para ensinar en clase é o do inicio da película Up, que a maior parte dos rapaces xa coñecen. Por iso mesmo me parece que lles chega moito mellor a mensaxe e a emotividade do vídeo quizais, e considero que podería ser unha boa opción para traballar tamén en diversos niveis xa sexa na escrita ou no oral.


 Outro dos cortos co que penso que tamén se poden sentir identificados pola idade na que se atopan é o seguinte. É a historia dunha rapaza e do que sinte tanto ela coma os pais cando ten a súa primeira cita. Unha das actividades de expresión escrita que se pode realizar é a de preguntarlles se algunha vez estiveron na mesma situación cá protagonista e que pasou, ou como actuarían se o estivesen nalgún momento. Ademais de ser un tema divertido, é moi comprensible por parte de todo o público.


 Pola contra, se o que queremos é que traballen con fotografías, podemos proporcionarlle material de diverso tipo para que fagan comparacións, ou incluso ofrecerlles distintas opcións para que elixan unha delas. Algúns exemplos poderían ser os seguintes:





 Na segunda parte da sesión centrámonos de novo na avaliación, e é que calquera destas actividades son boas maneiras de determinar se a expresión escrita do alumnado é a adecuada. Evidentemente, debemos facer un seguemento do seu progreso mediante a avaliación continua, mais ás veces hai profesores que ven necesaria a realización dunha proba final que inclúa todo o que se fixese na materia. Pois ben, no caso das linguas, con unha simple redación xa podemos ver se o alumno está aplicando todo o que se aprendeu na materia, porque a aprendizaxe desta é continua: ningún alumno pode aprender un día a usar o presente continuo e esquecelo ó seguinte, porque o vai usar de novo tanto na fala como na escrita. Deste xeito, calquera das actividades propostas anteriormente son útiles a efectos de avaliar a competencia escrita ou oral dos discentes.

viernes, 3 de marzo de 2017

A comprensión e expresión escrita

 Na seguinte clase obtivemos moitas ideas de actividades de diferente tipo e con diversas finalidades. Toda a clase estivo relacionada coa importancia da comprensión escrita, de xeito que empezamos cunha actividade moi graciosa: o three minute test. Esta actividade, máis que estar relacionada coa comprensión, fainos conscientes da importancia de indicarlles aos alumnos da necesidade de ler detidamente as actividades, exames... antes de lanzarse a escribir. Neste caso, a pesares de que o texto daba unha lista moi larga de instrucións, só era preciso facer caso das dúas primeiras, pero para sabelo era necesario acabar de ler o texto enteiro e prestarlle atención.
Un dos problemas máis grandes que teñen é o non prestar atención ao que len e o escribir antes de ler o que se lles pide. Eu tamén me sumo a esta afirmación: recordo perfectamente que nun exame de Historia olvideime de darlle a volta á folla e deixei case a metade das preguntas sen responder por non ler a primeira páxina, na que claramente poñía: "Lede as DÚAS páxinas. Podedes facer preguntas das dúbidas nos primeiros 10 minutos do exame". Por cousas como estas é moi importante facerlles entender que ás veces non chegan a facer o que lles pedimos por non leren ben os enunciados, e que son realmente útiles para realizar as actividades. Se non fosen precisos, non estarían aí!

Por outra banda, outro dos feitos que pode afectar á comprensión lectora é o feito de non recoñecer algún termo. En moitas ocasións ofuscámonos e centrámonos demasiado nunha palabra que non coñecemos, e parece que xa non sabemos de que vai un texto simplemente porque non saibamos o significado exacto dunha. Nada máis lonxe da realidade, o cerebro humano é quen de extraer o significado por contexto en moitas ocasións. Para demostrar este feito, vimos un texto en clase no que había varias palabras que estaban inventadas. Evidentemente, ninguén da clase sabía o que significaban, pero aínda así, obtivemos todos unha idea xeral do texto e incluso puidemos responder ás preguntas que se formulaban a continuación. Un dos cursos onde se fai máis imortante esta actividade é en segundo de bacharelato, xa que probablemente non vaian entender tódalas palabras que haxa no exame. Porén, iso non lles vai impedir aprobalo nin facer ben os exercicios, ó igual que como falantes nativos tampouco coñecemos tódolos termos do noso idioma e iso non nos impide comunicarnos! Agora, durante o período de prácticas, penso levar esta actividade á clase nos segundos de bach., xa que nas clases sóese notar o agobio e a presión de moitos deles polas probas pre-universitarias e pode ser unha forma de que se sintan máis seguros e teñan máis autoestima.

Outras actividades que vimos na clase para a mellora da comprensión escrita foron os dictados, que xa comentáramos en clases anteriores. Dentro das actividades deste tipo parecéronme moi útiles, sobre todo, dúas delas:
  • A primeira consistía en que entregábamos ao alumnado un parágrafo cun texto enteiro ao que previamente lle eliminemos os espacios, comas e calquera outro signo de puntuación. Deste xeito, eles poden indicar onde estar e reconstruílos, de maneira que melloran a súa capacidade de escribir correctamente en inglés. Isto é particularmente imporante, debido a que os alumnos non son conscientes de que o cambio de idioma entraña tamén un cambio na estrutura das oracións e a puntuación. Por exemplo, en inglés as frases son moito máis curtas que en español, de xeito que nós tendemos a utilizar moito máis as pausas dentro da propia oración.
  • A seguinte era unha actividade de listening e reading que permitía mellorar tamén a escrita, xa que consiste en que nun texto substituíamos algunhas palabras por outras que soen practicamente igual ou minimal pairs. Un exemplo que vimos foi o da canción "Everything I do", de Bryan Adams. Nin que dicir ten que se lle pode sacar moito partido ás cancións en clase, xa non só porque resultan atractivas, senón porque permiten facer moitas actividades. Dende facer actividades de comprensión, facer unha interpretación e reflexión do vídeo musical ou da letra da canción, e ata dictados ou exercicios de búsqueda de palabras que teñan o mesmo son, por exemplo. Ademais, cabe resaltar o feito de que cantar as cancións ou lelas en clase serven para mellorar tamén a pronuncia do inglés.

Nesta clase tamen falamos da adquisición do vocabulario. Unha idea que me pareceu magnífica para traballar o vocabulario é a de levar unha cartulina plastificada con rotuladores para que poidan escribir enriba e borrar despois. A razón pola que me parece excelente é porque é moi dinámica e permite facer un traballo colaborativo eficiente e rápido, que é un dos principais obxectivos. Na clase comentamos que podiamos utilizalo para que escriban as palabras dunha categoría que coñezan ("food", "pieces of clothing", "flowers", "animals"...). Pero a verdade é que as aplicacións deste recurso son inesgotables: podemos propoñerlles actividades en grupo nas que teñan que describir como se sentirían se lles pasase algo en concreto (por exemplo: "how would you feel if you were on a plane and there was a child crying and screaming?" ou "how would you feel if you had the ability to read minds?"), o que poden facer nun sitio determinado ("name activities you can do in a museum", "activities you can do on a park"...). E ademais, hasta permite facer concursos nos que o grupo que máis palabras escriba leve unha "recompensa". A competitividade sana pode chegar a ser unha grande aliada do docente de idiomas ao tratar con adolescentes, xa que os motiva máis a participar.

Por último xa, acabamos por falar das actividades de bellwork, que son aquelas que podemos levar á práctica cando rematamos a explicación dunha sesión e nos quedan uns minutos libres antes de que toque o timbre. Debido a isto, teñen que ser actividades rápidas e que capten a atención dos rapaces. Unha das que pensei que podería ser divertida sería un xogo tipo "Taboo" ou "Heads Up" . A verdade é que foron dous exemplos de actividades que utilicei tanto con nenos como con adolescentes coas que máis respondían e participaban. E, por suposto, son moi divertidas porque permiten que se expresen mediante xestos ou outras palabras (dependendo do nivel de dificultade e da idade, no meu caso), de xeito que todos pasamos un bo momento. Outra destas actividades é a que eu coñezo por "Scattergories" (que parece ser que tamén se chama "Tutti frutti"), na que se dá unha letra e varias categorías ("colours", "animals", "professions", "countries", "brands of cars", "names of famous people" ou calquera que se nos poida ocorrer). Cada alumno (ou cada grupo) debe atopar unha palabra para cada categoría que comece pola letra indicada. Á hora de puntuar, o que eu facía era dar 10 puntos por cada palabra que non saíra repetida, 5 puntos por cada repetida, e 15 puntos se unha persoa tiña unha palabra nunha categoría na que ninguén máis atopara unha. E xa para rematar, outra actividade de bellwork que usei e que quizais aquí non sexa tan coñecida é o "Boggle" ou "Wordshake", do que deixo no enlace unha versión online. É un xogo no que hai unha serie de letras e hai que intentar facer o maior número de palabras usando a maior cantidade de letras posibles. Ao seren xogos rápidos e que non precisan de moito material, poden ser perfectos para eses momentos onde precisamos extender a clase un pouco máis.