Neste tema
fixemos unha viaxe no tempo e espazo para estudar a evolución dos
modelos de ensinanza de linguas imperarantes en cada momento. Nun
primeiro lugar comezamos por comentar os métodos máis coñecidos: o
método gramática-tradución, baseado no uso do idioma materno e da
escrita; o método natural, baseado na exposición a input no idioma
estranxeiro; o método audiolingual, baseado na memorización e
repetición de estruturas; o método comunicativo, baseado en adaptar
as clases a situacións reais; a resposta física total, baseada na
acción e no movemento para adquirir o idioma; o enfoque por tarefas,
baseado na realizacion de diversas actividades orientadas a unha
tarefa final... Porén, os modelos de ensinanza de idiomas que máis
me chamaron a atención foron os últimos, quizais porque non recordo
que os tivensen utilizado conmigo en ningunha das miñas etapas como
estudante.
O primeiro
deles, o método do silencio, destaca pola actividade do alumno
fronte á do profesor. Neste enfoque enténdese que o proceso de
aprendizaxe debe ser levado a cabo mediante o descubrimento e a
asociación, de xeito que se fomenta moito a autonomía do alumnado.
Isto pode ser un aspecto positivo, porque neste caso non se ve ao
docente como unha figura autoritaria, senón que se crea un amibente
máis distendido, que pode favorecer a aprendizaxe. Porén, baixo o
meu punto de vista, sacrifícase moito a naturalidade do idioma:
parece unha forma de aprender moi controlada e artificial. Así
mesmo, non se fomenta a produción do aprendiz, de xeito que este
pode ser un enfoque útil sobre todo en niveis moi básicos para
asimilar regras de gramática básica ou para a pronunciación, mais
non a aplicaría en niveis intermedios, por exemplo.
O outro dos
enfoques que me causou máis impresión foi a suxestopedia. A
concepción básica deste modelo é que para procesar unha lingua,
esta debe pasar un filtro afectivo. Todo se aprende e se adquire
mellor cando ese filtro afectivo está baixo, de xeito que as clases
neste enfoque céntranse en non crear ansiedade no aprendiz. O
importante nas clases suxestopédicas é o alumno e o clima de
relaxación no que está; é dicir, non se poden crear situacións de
tensión para que a aprendizaxe flúa. O asombro de atopar este novo
método levoume, nun primeiro momento, a buscar máis información
sobre el para analizar os seus aspectos positivos; porén, a
realidade que atopei ao indagar un pouco máis foi diferente á que
esperaba. Nun artigo dun periódico cheguei a atopar unha
entrada sobre este método no que se comentaba que algunhas academias
suxestopédicas prometen a aprendizaxe de idiomas en tres días
mediante a técnica da hipnose. Ao mellor peco de escéptica, pero é
posible aprender un idioma en 3 días, por moito contido que se
queira dar? Imposible. Nin unha persoa que esté completamente
inmersa na cultura e no idioma estranxeiro vai ser quen de coñecer
na totalidade esa lingua; entón, como pode ser que unha persoa que
non tivese contacto con ela "a aprenda" milagrosamente
mediante a técnica da hipnose? Para que existirán as carreiras de
idiomas e as clases, podendo botar man deste "milagroso"
recurso? Ironías a parte, esta non só é unha forma de enganar e
facer negocio das persoas que teñen pouco tempo e moitas ganas (ou
necesidade) de aprender un idioma, senón tamén unha maneira de
desmotivalos unha vez que comproben que non son quen de aprender en
tan pouco tempo. Isto pode xerar un sentimento de fracaso no
alumnado, cando nun principio a ninguén lle parecería raro que un
idioma non se aprenda nun par de días.
Como alumna,
o método que máis empregaron comigo foi o comunicativo, e tamén,
en grande parte, o método gramática-tradución. Non obstante, como
docente considero necesario facer as clases máis eclécticas e botar
man de cada método, xa que todos teñen as súas vantaxes e deste
xeito as clases non son nunca aburridas. Integrar máis dun método é
positivo e necesario para a motivación ao alumnado, que, tal e como
sabemos, é un dos aspectos fundamentais para que se reteña e se
aprenda un idioma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario