Mostrando entradas con la etiqueta Ana Fontenla. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ana Fontenla. Mostrar todas las entradas

lunes, 6 de marzo de 2017

Hora de debater!


A sesión de debate foi, quizais, a máis proveitosa e fructífera da materia de Didáctica; e se me descoido, unha das mellores do máster sen dúbida. Foi unha clase moi práctica que nos permitiu expoñer as opinións que tamén fomos formando ao longo das clases, xa que (non sei se falo por todos, pero dende logo que para min foi así) o máster tamén axudou bastante a forxar unha idea e unhas opinions máis fundamentadas do sistema educativo e da ensinanza en xeral. Xa noutras clases tiveramos a oportunidade de falar de temas como os informes PISA e se os resultados que se obteñen son realistas, por exemplo, e tamén comentamos a aplicación das novas tecnoloxías na clase. Pero ao estar todos xuntos, persoas con diferentes opinións e experiencias, sempre podemos sacarlle máis partido para ver as diversas caras do prisma polifacetado que conformamos como clase.

Nun primeiro lugar, comezamos por comentar o tema dos deberes, que ultimamente estase poñendo moi de moda polas declaracións dalgúns pais ao respecto, como foi o caso da humorista Eva Hache nun programa de televisión no que afirmaba que o seu fillo non ten deberes "porque ameazou aos profesores". Polo xeral temos a impresión de que os rapaces de hoxe en día viven agobiados: entre ir á escola, estudar para os exames, facer os deberes e as tarefas extraescolares, pouco tempo lles queda para invertir en xogar e distraerse. Pero realmente podemos culpar aos 10 ou 15 minutos de deberes diarios de que non lles cheguen as horas do día? É ben sabido que as horas que temos de clase non son suficientes para practicar tódalas destrezas en tódalas clases, de xeito que tendemos a deixar a produción escrita como tarefas para realizar na casa por ser unha actividade que require de moito tempo e recursos cos que non contamos nun instituto (por exemplo, nunha clase pode haber un dicionario para 30 persoas que se teñen que turnar cada vez que queren saber como se escribe unha palabra). Polo xeral, xa son os propios alumnos os que prefiren facer as composicións escritas na tranquilidade das súas casas, botando man dos recursos que precisen e coa liberdade de elixir cando facelo. Por isto, considero que as tarefas de facer na casa son necesarias, e non só por esta razón, senón porque tamén é de grande axuda para o alumnado que precisa dun reforzo extra, que non lle é suficiente o que se dá na clase para comprender e saber facer o que se lle pide. Polo tanto, á pregunta "deberes: si ou non?" a miña resposta é un si, pero con cordura. Non podemos cargar aos alumnos de exercicios, tendo en conta que teñen unhas 10 asignaturas máis e que tamén deben ter tempo de lecer. Pero si son necesarios nalgunhas ocasións e en doses razoables. As conversacións sobre este tema de debate deron paso a comentar tamén os baixos resultados do alumnado español nas probas PISA, no que chegamos a acordo no sentido de que non reflicte da maneira adecuada as competencias do alumnado. A partires deste tema de debate, entramos no seguinte: libros tradicionais ou libros electrónicos e novas tecnoloxías en clase? A maioría de nós tamén coincidimos neste aspecto: intentaremos empregas as novas tecnoloxías en clase (pizarras dixitais, proxectores, ordenadores...), pero sempre tendo material en papel polo que seguir as clases (xa sexa libro tradicional ou apuntes e material que proporcionemos) e, xa dependendo un pouco máis do regulamento do centro, deixaríamos o uso dos teléfonos para consulta de dicionarios ou algunhas actividades (Kahoot) en ocasións puntuais.

Porén, outros temas que si me gustaría ter comentado xiran un pouco arredor da preparación do alumnado en inglés xa non só para superar os cursos, senón tamén de cara a aprobar unha proba de nivel externa (tipo exames de Cambridge, da Escola Oficial de Idiomas...). Ultimamente é a miña impresión é que se lle está dando moita importancia a este tipo de probas ante a crecente demanda de acreditacións de inglés para acceder a certo tipo de oportunidades laborais. Sei, de feito, que en moitas academias privadas hai cada vez máis xente que se dedica a "prometer" ao alumado que ao pagaren unha matrícula, sairán de alí co suficiente nivel de inglés como para sacar un B2, cando en realidade a maior parte dos matriculados non chegan a un A2. A toda esta xente, gustaríame dicirlle que somos docentes de inglés, non profesores de Hogwarts: nin facemos maxia, nin podemos prometer milagres. Por outra parte, tamén hai certa tendencia a criticar ao sistema educativo español por non preparar aos alumnos de bacharelato para realizar este tipo de probas, e incluso hai peticións de xente que esixe que unha vez rematado o bacharelato se lle entregue unha acreditación de B1 en primeira lingua estranxeira. Pero realmente, aprobar o bacharelato e incluso a selectividade non é indicador ningún de que os alumnos cheguen a ese nivel. Isto débese a que en moitos institutos aínda non se están realizando avaliacións por competencias, por exemplo, de xeito que hai alumnos que pasan todo o seu período de escolarización escribindo en inglés, pero sen saber articular unha soa palabra. Deste xeito, poderiamos dicir que non sería xusto outorgar estas acreditacións a tódolos alumnos, e facer de novo outra proba externa independente das PAU para determinar quen dá o nivel resultaría pouco rentable.

Con respecto tamén ás debilidades do noso sistema educativo, outro tema que me gustaría ter debatido é o tratamento da motivación e da autoestima na aula de idiomas. Paréceme un tema básico que tratar con adolescentes, pero moitísimo máis aínda en clases nas que lles é necesario expresarse e ter certa seguridade en si mesmos para saber errar e rectificar. Non só me parece que debería tratarse este tema en clase de titoría, senón que deberiamos incluílo tamén nas clases de linguas. Polo xeral, a falta de autoestima non se nota tanto nas nosas linguas maternas porque soemos pensar que temos un dominio eficaz do idioma e podemos saír do paso, pero e nas clases de idioma estranxeiro? Aquí está o quid da cuestión. Quen non se sentiu inseguro algunha vez cando o mandaron saír a presentar por primeira vez en inglés?

Por isto considero que é un tema ben importante e que se debe atallar ao principio de curso xa. En moitas ocasións percibo que o alumnado non participa por medo a errar, e non se dá de conta de que no erro é onde está a aprendizaxe. Isto tamén se pode deber á forma na que os docentes tratamos e estigmatizamos o erro, mais o feito de que os adolescentes teñan tan pouca confianza en si mesmos non axuda. Un método que utilizaría nas primeiras semanas de clase é a de intentar que a participación sexa o máis elevada posible mediante exercicios que traballen a autoestima, como por exemplo os seguintes:

  • Anuncios por palabras: cada alumno debe escribir nunha lista que pode ofrecer ao grupo-clase (p. ex.: boas habilidades comunicativas, sentido da responsabilidade, axuda en clases de matemáticas, axuda ao docente para encender o canón porque é moi alto, axuda cando haxa problemas de son ou de acendido do ordenador...). Esta é unha boa forma de que cada alumno vexa que pertence ao grupo porque ten algo que aportar e unha maneira de que vexa que pode axudar e que destaca en algo.
  • A lista das virtudes: consiste en que cada alumno escriba nun papel aprox. 3 cousas boas e outras 3 malas de si mesmo, e que despois un dos alumnos engada como mínimo outras 3 cousas positivas de maneira anónima. Unha vez completada a tarefa, o papel será devolto ó alumno ó que fai referencia para que entenda que hai moitas cualidades que pode ser que non aprecie, pero que os demais si perciben.
  • O favorito do profe: esta actividade consiste en que o profesor debe repartir a cada alumno unha frase con unha habilidade, algo positivo ou o mellor que cada alumno teña para superar a asignatura, reafirmando así as súas capacidades.

Todas estas actividades faríanse en inglés, evidentemente, para aprender e practicar o idioma ao mesmo tempo que construimos a confianza e a autoestima co alumnado. Ademais, tal e como comentei en entradas anteriores, para logralo deberiamos revisar se as correccións que lles facemos son consecuentes co que pretendemos, que é que non se desmotiven polos erros que cometen e que sigan adiante co inglés.


Para concluír, unha crítica constructiva que faría desta sesión foi que non contásemos con máis tempo para debater con máis calma. Só nos deu tempo a debater sobre dous ou tres aspectos dos que estaban plantexados desde un principio, pero ademais estou segura de que moitos de nós tiñamos moitos temas que nos gustaría tratar e que non nos foi posible pola falta de tempo. Pode parecer que catro horas son moitas para dedicarlle a unha clase asi, pero non o é; máis que nada, porque ao xuntar ás dúas aulas acabamos sendo moita xente e a moitos quedáronnos moitas cousas no tinteiro por comentar. A pesar de que o que se tratou comentouse pormenorizadamente, considero que ás veces tiñamos que cambiar de tema non porque non houbera máis posibilidade de exprimilo, senón máis ben por falta de tempo para falar sobre o resto.

O labor docente dentro e fóra da aula: o método CLIL e as titorías

 Esta foi a primeira das sesións que tivemos con dúas partes divididas tan claras e diferentes, xa que a primeira parte da clase impartiuna Ana e ás dúas últimas horas veu Luz para rematar de falar sobre as titorías. Neste sentido, nesta última sesión anterior á de debate tratamos temas relacionados co noso labor docente fóra da aula, como poden ser a colaboración do departamento de inglés cos outros departamentos que utilicen o método CLIL e os labores de titoría nos centros.

Con respecto á primeira parte, esas dúas horas xiraron arredor do CLIL e dos auxiliares de conversación e de se pode ser ou non unha experiencia positiva para o alumnado. A verdade é que sobre o tema do CLIL xa tiñamos falado en materias anteriores, e teño que dicir que a pesar de que todo o mundo ten algún familiar ou coñecido que impartise ou que lle foron impartidos aulas segundo o método CLIL; eu non podo falar da miña experiencia directamente, porque non tiven oprtunidade de participar neste tipo de programas. O mesmo pasou cos auxiliares de conversa, nunca tiven a vantaxe de contar con un nativo que nos axudase na clase ata a miña entrada na universidade. Porén, xa falei con anterioridade neste blog sobre a experiencia de meu irmán, que si viviu ámbalas dúas experiencias e que el considerou moi positivas para afianzar algúns coñecementos de vocabulario e coller máis soltura no inglés. Tamén cabe dicir que meu irmán cursou en inglés a asignatura de Xeografía e Historia en 2º e 3º de ESO, e que o profesor que impartía esa materia tiña un moi bo nivel de inglés. Ademais, o auxiliar de conversa tamén estaba especializado nesa área, de xeito que contaban con moita axuda para preparar as clases e, aínda que ás veces cometían algún fallo de idioma, polo resto todo foi bastante ben.

Non obstante, a realidade pode ser bastante diferente dependendo da materia e do nivel de inglés do docente que imparta esa materia en cuestión. A min, por exemplo, pareceríame moi complicado dar materias como Matemáticas ou Física e Química en inglés. En clase xa falamos de que pode ser moi útil para alumnos que queiran perseguir carreiras de carácter técnico ou científico, xa que o inglés é o idioma utilizado nese mundo, mais a min ségueme parecendo un pouco complicado por seren das materias que teñen uns índices de suspenso máis elevados. Por outra parte tamén está o feito de que o único requisito académico para que un docente poida impartir a súa materia noutro idioma é acreditar un nivel B1. Paréceme un nivel de usuario intermedio a nivel independente, pero bastante básico a nivel académico. É evidente que un docente que queira participar neste tipo de experiencias sabe que vai ter que traballar máis o idioma, preparar máis as clases e debe ter un interese tamén no idioma, de xeito que dáse por sentado que os profesores que o solicitan teñen ánimo e ganas de facer que todo funcione correctamente, pero ás veces os erros que eles cometan poden fosilizarse tamén nos alumnos. Nunca esquecerei o exemplo que unha compañeira nos puxo en clase, na que a un coñecido seu se lle fosilizou a expresión "realise an exercise" polo seu profesor de CLIL. Por iso penso que aínda que o CLIL é moi útil para que o alumnado adquira vocabulario, mellore en xeral a súa comprensión e produza máis noutro idioma, tamén é moi preciso que dende os departamentos se bote unha man para intentar mellorar tamén a seguridade do docente ao dar a clase. A idea de Ana de aproveitar as clases de reforzo de inglés para revisar vocabulario, expresións, etc. que puideran ser útiles para a clase de CLIL pareceume xenial para preparar ao alumnado tamén.

Con respecto á segunda parte da sesión, tratamos o tema da titoría. Como é ben sabido, cada titor dun curso do centro conta cunha hora de titoría á semana para traballar co alumnado algúns temas transversais, comentar os problemas e dificultades que poidan xurdir entre compañeiros ou cos profesores, expoñer queixas e suxestións, aproveitar para crear un grupo-aula unido, debater sobre algúns dos problemas da adolescencia ou da sociedade en xeral. Trátase de crear unha conciencia nos rapaces, ao mesmo tempo que fan actividades máis distendidas e aprenden uns doutros.

Algo que non sabía cando rematamos as clases e que aprendín xa nas prácticas foi que o departamento de orientación tamén pode ofrecer axuda aos titores e titoras dos cursos, dependendo das necesidades que teña o grupo-aula titorando, con material sobre o que traballar algúns temas. Polo menos, así pasa no centro no que me atopo agora mesmo realizando as prácticas, aínda que debo recoñecer que contan cun excelente departamento de orientación, preocupado e interesado polo benestar e a integración do alumnado, de xeito que pode ser que non en tódolos institutos haxa estas facilidades para os docentes.

Eu tamén fixen unha bree recopilación de material audiovisual co que tratar algúns dos temas para titoría. En primeiro lugar, unha película que poñería na hora de titoría sería Inside out (Del revés), xa que me parece que reflicte o cambio da actitude e o pensamento dende que somos pequenos ata que chegamos á adolescencia, de xeito que lles pode servir para reflexionar sobre as súas propias decisións e comportamentos. Unha largometraxe que eu vin no instituto na hora de titoría foi La clase, unha película que mostra a realidade de moitas aulas de institutos conflictivos. O bo que ten este filme é que permite explorar a outra cara do sistema educativo que eles non ven: o punto de vista do docente que debe lidiar cun grupo desestruturado e con faltas de comportamento. Con este tipo de materiais permítesenos tratar a empatía tamén, que é algo importante para que a convivencia no centro sexa o mellor posible e para fomentar o entendemento e o diálogo entre o alumnado.


A continuación deixo unha lista de cortos ou vídeos que poden servir para ser traballados en horas de titoría e cos que traballar diversas temáticas cos rapaces:

1. Bullying: For the Birds


2. Cambio climático: What if all the ice melted on Earth?

3. Empatía: Living with depression



4. Violencia de xénero: "Slap her": children's reactions


5. Autoestima: Taking pictures of things I find beautiful


6. Cyberbullying e consumo responsable de internet: You look disgusting


7. Inclusión e diversidade: Love has no labels


8. Estigmatización e igualdade: Always like a girl


9. O sistema educativo: Alike


Todos estes vídeos permiten facer reflexións e críticas co alumnado sobre a situación actual e que queremos para o noso futuro, así como buscar modos de cambialo. Deste xeito, ademais de fomentar a creatividade, tamén espertamos neles o espírito crítico e o sentido da xustiza.

viernes, 3 de marzo de 2017

A comprensión e expresión escrita

 Na seguinte clase obtivemos moitas ideas de actividades de diferente tipo e con diversas finalidades. Toda a clase estivo relacionada coa importancia da comprensión escrita, de xeito que empezamos cunha actividade moi graciosa: o three minute test. Esta actividade, máis que estar relacionada coa comprensión, fainos conscientes da importancia de indicarlles aos alumnos da necesidade de ler detidamente as actividades, exames... antes de lanzarse a escribir. Neste caso, a pesares de que o texto daba unha lista moi larga de instrucións, só era preciso facer caso das dúas primeiras, pero para sabelo era necesario acabar de ler o texto enteiro e prestarlle atención.
Un dos problemas máis grandes que teñen é o non prestar atención ao que len e o escribir antes de ler o que se lles pide. Eu tamén me sumo a esta afirmación: recordo perfectamente que nun exame de Historia olvideime de darlle a volta á folla e deixei case a metade das preguntas sen responder por non ler a primeira páxina, na que claramente poñía: "Lede as DÚAS páxinas. Podedes facer preguntas das dúbidas nos primeiros 10 minutos do exame". Por cousas como estas é moi importante facerlles entender que ás veces non chegan a facer o que lles pedimos por non leren ben os enunciados, e que son realmente útiles para realizar as actividades. Se non fosen precisos, non estarían aí!

Por outra banda, outro dos feitos que pode afectar á comprensión lectora é o feito de non recoñecer algún termo. En moitas ocasións ofuscámonos e centrámonos demasiado nunha palabra que non coñecemos, e parece que xa non sabemos de que vai un texto simplemente porque non saibamos o significado exacto dunha. Nada máis lonxe da realidade, o cerebro humano é quen de extraer o significado por contexto en moitas ocasións. Para demostrar este feito, vimos un texto en clase no que había varias palabras que estaban inventadas. Evidentemente, ninguén da clase sabía o que significaban, pero aínda así, obtivemos todos unha idea xeral do texto e incluso puidemos responder ás preguntas que se formulaban a continuación. Un dos cursos onde se fai máis imortante esta actividade é en segundo de bacharelato, xa que probablemente non vaian entender tódalas palabras que haxa no exame. Porén, iso non lles vai impedir aprobalo nin facer ben os exercicios, ó igual que como falantes nativos tampouco coñecemos tódolos termos do noso idioma e iso non nos impide comunicarnos! Agora, durante o período de prácticas, penso levar esta actividade á clase nos segundos de bach., xa que nas clases sóese notar o agobio e a presión de moitos deles polas probas pre-universitarias e pode ser unha forma de que se sintan máis seguros e teñan máis autoestima.

Outras actividades que vimos na clase para a mellora da comprensión escrita foron os dictados, que xa comentáramos en clases anteriores. Dentro das actividades deste tipo parecéronme moi útiles, sobre todo, dúas delas:
  • A primeira consistía en que entregábamos ao alumnado un parágrafo cun texto enteiro ao que previamente lle eliminemos os espacios, comas e calquera outro signo de puntuación. Deste xeito, eles poden indicar onde estar e reconstruílos, de maneira que melloran a súa capacidade de escribir correctamente en inglés. Isto é particularmente imporante, debido a que os alumnos non son conscientes de que o cambio de idioma entraña tamén un cambio na estrutura das oracións e a puntuación. Por exemplo, en inglés as frases son moito máis curtas que en español, de xeito que nós tendemos a utilizar moito máis as pausas dentro da propia oración.
  • A seguinte era unha actividade de listening e reading que permitía mellorar tamén a escrita, xa que consiste en que nun texto substituíamos algunhas palabras por outras que soen practicamente igual ou minimal pairs. Un exemplo que vimos foi o da canción "Everything I do", de Bryan Adams. Nin que dicir ten que se lle pode sacar moito partido ás cancións en clase, xa non só porque resultan atractivas, senón porque permiten facer moitas actividades. Dende facer actividades de comprensión, facer unha interpretación e reflexión do vídeo musical ou da letra da canción, e ata dictados ou exercicios de búsqueda de palabras que teñan o mesmo son, por exemplo. Ademais, cabe resaltar o feito de que cantar as cancións ou lelas en clase serven para mellorar tamén a pronuncia do inglés.

Nesta clase tamen falamos da adquisición do vocabulario. Unha idea que me pareceu magnífica para traballar o vocabulario é a de levar unha cartulina plastificada con rotuladores para que poidan escribir enriba e borrar despois. A razón pola que me parece excelente é porque é moi dinámica e permite facer un traballo colaborativo eficiente e rápido, que é un dos principais obxectivos. Na clase comentamos que podiamos utilizalo para que escriban as palabras dunha categoría que coñezan ("food", "pieces of clothing", "flowers", "animals"...). Pero a verdade é que as aplicacións deste recurso son inesgotables: podemos propoñerlles actividades en grupo nas que teñan que describir como se sentirían se lles pasase algo en concreto (por exemplo: "how would you feel if you were on a plane and there was a child crying and screaming?" ou "how would you feel if you had the ability to read minds?"), o que poden facer nun sitio determinado ("name activities you can do in a museum", "activities you can do on a park"...). E ademais, hasta permite facer concursos nos que o grupo que máis palabras escriba leve unha "recompensa". A competitividade sana pode chegar a ser unha grande aliada do docente de idiomas ao tratar con adolescentes, xa que os motiva máis a participar.

Por último xa, acabamos por falar das actividades de bellwork, que son aquelas que podemos levar á práctica cando rematamos a explicación dunha sesión e nos quedan uns minutos libres antes de que toque o timbre. Debido a isto, teñen que ser actividades rápidas e que capten a atención dos rapaces. Unha das que pensei que podería ser divertida sería un xogo tipo "Taboo" ou "Heads Up" . A verdade é que foron dous exemplos de actividades que utilicei tanto con nenos como con adolescentes coas que máis respondían e participaban. E, por suposto, son moi divertidas porque permiten que se expresen mediante xestos ou outras palabras (dependendo do nivel de dificultade e da idade, no meu caso), de xeito que todos pasamos un bo momento. Outra destas actividades é a que eu coñezo por "Scattergories" (que parece ser que tamén se chama "Tutti frutti"), na que se dá unha letra e varias categorías ("colours", "animals", "professions", "countries", "brands of cars", "names of famous people" ou calquera que se nos poida ocorrer). Cada alumno (ou cada grupo) debe atopar unha palabra para cada categoría que comece pola letra indicada. Á hora de puntuar, o que eu facía era dar 10 puntos por cada palabra que non saíra repetida, 5 puntos por cada repetida, e 15 puntos se unha persoa tiña unha palabra nunha categoría na que ninguén máis atopara unha. E xa para rematar, outra actividade de bellwork que usei e que quizais aquí non sexa tan coñecida é o "Boggle" ou "Wordshake", do que deixo no enlace unha versión online. É un xogo no que hai unha serie de letras e hai que intentar facer o maior número de palabras usando a maior cantidade de letras posibles. Ao seren xogos rápidos e que non precisan de moito material, poden ser perfectos para eses momentos onde precisamos extender a clase un pouco máis.

lunes, 30 de enero de 2017

A importancia do ambiente na clase de idiomas e o concepto de "Minimax teacher"



Nesta sesión aprofondamos un pouco máis no concepto de “Minimax Teacher”, que xa nos fora introducido na primeira sesión con Luz. A idea detrás deste termo é que para os docentes de idiomas non é necesario contar cunha grande cantidade de material ou con complexas ideas para crear actividades, senón que podemos minimizar ese esforzo de preparación das clases e maximizar o output e o rendemento do alumnado. Con respecto a este novo concepto, puiden atopar unhas charlas en YouTube na canle English Central nas que se explica bastante ben en que consiste e como lograr ser un “Minimax Teacher” con algúns exemplos de actividades. Aquí deixo o primeiro destes vídeos:




Falando de exemplos de actividades, algunhas das que vimos nesta categoría son as actividades introdutorias ou warming-up activities, entre as cales fixemos unha de memorización en cadea e outra de memorización tamén na que o alumnado se pasa unha pelota de papel e debe proporcionar información sobre si mesmo e recordar a dos demais. Estas actividades resultan ser moi boas non só para romper o xeo ou avaliar o nivel xeral dos aprendices, senón que ademais son de grande utilidade para nós como docentes á hora de coñecer algo máis sobre eles, e o que é máis importante, para quedarnos cos seus nomes.

Pode parecer unha nimiedade, pero o feito de aprender os nomes dos alumnos é algo que debemos facer tan pronto como cheguemos á aula por primeira vez. É unha forma de mostrarlles seguridade e interese polo grupo clase, e pode sernos moi favorable para conseguir un bo ambiente dende o primeiro día. A todos cando eramos alumnos nos gustaba que os docentes mostrasen algo de interese en nós, e sobre todo, nunha etapa tan difícil coma a da adolescencia. Nesta época de confusión só queremos sentirnos apoiados e queridos, dunha ou doutra forma. Recordo, por exemplo, que unha das miñas profesoras nunca se aprendeu o meu nome e pasou ata finais de curso chamándome “Melania”. Nin que decir ten que non era a miña profesora favorita, e non polo feito de que fose mala docente, senón porque sentía que se nin sequera tiña interés suficiente en min para aprenderse o meu nome, por que debía telo eu pola súa asignatura? Esta é unha barreira fácil de romper e que nos pode facilitar moito o contacto co alumnado e que mostren máis interese na nosa asignatura. Algo que tamén comentamos na clase foi, relacionado con isto último, a importancia de crear un bo ambiente no que o alumnado se sinta cómodo e poida participar libremente. Algo que nos pasa comunmente aos aprendices na clase de idiomas é que non sentimos a suficiente confianza en nós mesmos para producir, de xeito que é moi importante que o docente sexa unha figura que nos inspire confianza e que saiba traballar a autoestima dos rapaces ao mesmo tempo que os redirixe para que non cometan erros. Esta é unha das cousas que máis difíciles me parece de facer: que os alumnos teñan confianza e que vexan ao docente como unha figura positiva, á que respectan e coa que teñen unha boa relación. Para min, conseguir este equilibrio é moi complicado, xa que é preciso delimitar desde un principio o rol que cada un desempeña na clase, e é algo que me preocupa bastante de cara ás prácticas nos centros.

Con respecto outras das habilidades que debe ter o docente das que comentamos en clase e que considero que debería traballar, está o debuxo. Comprendo a importancia de saber debuxar para transmitir ideas que non se comprenden en inglés sen necesidade de recorrer ao idioma materno, pero así como anécdota e con toda a sinceridade, as miñas habilidades co lapis son tan pésimas que cando intentaba xogar ao Pictionary cos meus alumnos case sempre remataba en críticas á miña maneira de debuxar. Intentarei mellorala para que nalgún momento se deixen de centrar tanto no debuxo e se centren máis no obxectivo da actividade, de todos xeitos.


A parte da clase que me parece máis interesante sempre é na que nos proporcionan ideas de actividades. Ao sermos case todos principiantes na docencia, e ao ter unha experiencia previa tan tradicionalista no que se refire á aprendizaxe de idiomas, resulta difícil ás veces ser creativo e ter ideas divertidas para aplicar nas clases. Nesta aula tratamos as actividades para traballar a escritura, e a verdade é que nunca pensara na grande cantidade de dictados que podemos facer, e nin sequera que puidesen chegar a ser algo divertido para os aprendices. Será algo que seguro que vaia a aplicar nas miñas clases, porque é unha forma amena de que se fixen en como escribir e que ademais (por exemplo, no caso do running dictation) ten un compoñente de competitividade que podemos explotar.

Actividade con fotografías

A seguinte actividade está pensada para ser realizada ao comezo do curso cun grupo de 3º de ESO. Con ela traballaremos a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e a de aprender a aprender. Para desenvolver estas competencias, a actividade estaría centrada nunha fotografía sobre a que os alumnos traballarán. A nosa proposta é a seguinte:

1. Para empezar, realizaremos unha pequena actividade de warming-up enfocada a que os alumnos se solten e gañen confianza para falar. Darémoslles tres afirmacións sobre o docente para que escollan cal é a verdadeira, por exemplo:

- Coñecín a unha compañeira de profesión nun barco
- Teño dous cans
- A miña película favorita é Titanic

Terán que facer preguntas entre todos (un máximo de 7 preguntas por afirmación) para descartar as falsas e descubrir a correcta.

2. A continuación mostrámoslles a través do proxector unha foto como mostra de cal era a correcta. A foto sería a seguinte:



A partir de aquí entraremos na actividade principal, na que os alumnos deben adiviñar como están relacionadas as persoas que saen na imaxe. Para isto, dividiremos a clase en grupos de 4 e mostrarémoslles a fotografía uns 10 segundos. Seguidamente, deben describir todo o que recorden dela nos grupos e plantexar as preguntas que se farán despois para poder adiviñar como están relacionadas as persoas que aparecen nela e quen son. Deberán escribir 3 preguntas nun folio en branco e esas serán as súas preguntas finais. Tras 5 minutos de debate, empezará unha primeira rolda de preguntas (1 por cada grupo de clase) destinada a obter a información que necesitan saber. A actividade continuará deste xeito ata un máximo de 3 roldas. O equipo que consiga a información será o gañador e recibirá unha recompensa (por exemplo, unha larpeirada).

3. Como actividade final para a clase, reflexionaremos sobre as preguntas que fixeron e por que lles serviron ou non para conseguir a información. Podemos facerlles preguntas do tipo: “que outras preguntas podíades ter feito para conseguir a solución antes?” ou “por que credes que as vosas preguntas serviron para conseguir a información?”

4. Finalmente, como actividade de follow-up o alumnado terá que buscar na casa uha fotografía na que saian cun amigo ou persoa cercana a eles e deberán facer unha redacción sobre ella, na que se poden influír as seguintes cuestións: “como vos coñecestes? Que estabas facendo no momento no que tiraron a foto?”. Tamén poden escribir algún recordo que teñan con esa persoa.

Como aportación persoal, unha das actividades que tamén poderiamos realizar na clase sería a comparación desa foto con outra foto máis familiar, por exemplo, esta:



Neste caso, fariamos unha lista de semellanzas e diferenzas entre todos, que o docente iría escribindo na pizarra.