martes, 31 de enero de 2017

Novas ideas de actividades: personalización e imaxinación

A seguinte clase comezou, coma case todas, cunha actividade de warm-up na que se traballaban as descricións. Nesta actividade a clase dividíase en dous grupos e a cada un tocáballe un papel diferente, que debían intentar describir entre tódolos membros do grupo. Un deles era un papel reciclado a partires de materia orgánica e o outro estaba feito dun material diferente á celulosa tamén, de xeito que esta actividade de warm-up serviríanos para introducir temas relacionados coa reciclaxe ou o coidado do medio ambiente. A idea é que as clases deben xirar en torno a un tema, non a unha destreza (por exemplo, a gramática, que era a que nós máis dabamos no instituto). A partires dun tema introdúcese vocabulario e expresións necesarias para cada un, pero para que unha clase sexa comunicativa o importante é que todo flúa a partires dun tema en concreto.

A continuación fixemos outro exercicio de warm-up coa información persoal de todos nós que aportamos na clase anterior. Tratábase de un crucigrama no que as pistas era a nosa información e as claves, os nosos nomes. Ao contrario do que se poida pensar, a verdade é que os alumnos do máster non nos coñecemos todos entre nós, de xeito que me pareceu unha boa actividade para coñecernos máis.

A seguinte actividade que fixemos estaba tamén moi personalizada: era unha fotografía na que saía a docente nunha das súas viaxes familiares. O que foi interesante desta actividade foi que a partires desa fotografía tiñamos que facer preguntas para intentar recabar a información que non tiñamos: quen era o resto das persoas que se atopaban alí, por que, que relación tiñan coa docente... Pareceunos tan boa idea que a actividade con fotografías que tiñamos que deseñar en grupos foi moi parecida a esta. Na nosa fotografía tamén saímos unha compañeira e eu, e a idea é que os alumnos intenten adiviñar información sobre nós e a imaxe que teñen diante a partir de preguntas.

As imaxes son recursos moi útiles que podemos utilizar nas aulas. Xa sexa para actividades coma anterior, para facer descricións ou comparacións, a verdade é que son moi recorridas para calquera momento e poden encaixar en calquera tema: basta con buscar fotos relacionadas co que estemos falando. En clase vimos fotografías de Dina Goldstein, unha artista que ten imaxes que dan bastante que falar porque teñen personaxes facilmente recoñecibles, e que nos permiten plantexar actividades relacionadas con contar a historia detrás da foto ou poñerlle un título, por exemplo. Algunhas das súas fotos dan pé a tratar temas que están suxeitos a debate, como por exemplo, esta:


Tamén hai que ser cautos e cautas co que eliximos para tratar co grupo clase, tendo sempre coidado de non ferir sensibilidades, de xeito que é importante que pensemos en tódalas posibilidades e dirixir moito as actividades cando estemos fronte a material coma este.

Por último, tamén tratamos o lateral thinking, que nos permite crear moitas actividades comunicativas co alumnado dun xeito fácil e rápido. Consiste en explorar posibilidades fóra do común e fai que os aprendices teñan que utilizar moito a imaxinación. Ás veces, recorrer á esaxeración e á improvisación, coma neste caso, tamén desenvolve a capacidade de reacción do alumnado e pode axudalos a "saír do paso" en situacións reais. Para min dentro desta categoría destacou a actividade na que cada alumno debía elixir dúas tarxetas e dicir que faría cos obxectos e os lugares que había escritos en cada unha. A unha alumna tocoulle, por exemplo "scissors" e "Sidney", de xeito que como podemos ver, hai un grande compoñente de capacidade de reacción e imaxinación que pode resultar divertido de explorar. Aquí tamén incluíamos os xogos do tipo "never have I ever", que eu tamén utilicei cos meus alumnos e que permiten coñecer algo máis sobre todos e, se o profesorado tamén participa, achégase máis ao alumnado.


Estas últimas actividades poderían formar parte tamén do que coñecemos como 5 minute fillers, que son actividades curtas dirixidas a momentos nos que nos quedan 5 minutos para rematar a clase e o alumnado xa está cansado, por exemplo. Paréceme unha forma moi lúdica de aproveitar todo o tempo de clase de maneira que non se aburran e sigan practicando e usando o idioma, que a fin de contas, é un dos obxectivos que perseguimos como docentes.

lunes, 30 de enero de 2017

A importancia do ambiente na clase de idiomas e o concepto de "Minimax teacher"



Nesta sesión aprofondamos un pouco máis no concepto de “Minimax Teacher”, que xa nos fora introducido na primeira sesión con Luz. A idea detrás deste termo é que para os docentes de idiomas non é necesario contar cunha grande cantidade de material ou con complexas ideas para crear actividades, senón que podemos minimizar ese esforzo de preparación das clases e maximizar o output e o rendemento do alumnado. Con respecto a este novo concepto, puiden atopar unhas charlas en YouTube na canle English Central nas que se explica bastante ben en que consiste e como lograr ser un “Minimax Teacher” con algúns exemplos de actividades. Aquí deixo o primeiro destes vídeos:




Falando de exemplos de actividades, algunhas das que vimos nesta categoría son as actividades introdutorias ou warming-up activities, entre as cales fixemos unha de memorización en cadea e outra de memorización tamén na que o alumnado se pasa unha pelota de papel e debe proporcionar información sobre si mesmo e recordar a dos demais. Estas actividades resultan ser moi boas non só para romper o xeo ou avaliar o nivel xeral dos aprendices, senón que ademais son de grande utilidade para nós como docentes á hora de coñecer algo máis sobre eles, e o que é máis importante, para quedarnos cos seus nomes.

Pode parecer unha nimiedade, pero o feito de aprender os nomes dos alumnos é algo que debemos facer tan pronto como cheguemos á aula por primeira vez. É unha forma de mostrarlles seguridade e interese polo grupo clase, e pode sernos moi favorable para conseguir un bo ambiente dende o primeiro día. A todos cando eramos alumnos nos gustaba que os docentes mostrasen algo de interese en nós, e sobre todo, nunha etapa tan difícil coma a da adolescencia. Nesta época de confusión só queremos sentirnos apoiados e queridos, dunha ou doutra forma. Recordo, por exemplo, que unha das miñas profesoras nunca se aprendeu o meu nome e pasou ata finais de curso chamándome “Melania”. Nin que decir ten que non era a miña profesora favorita, e non polo feito de que fose mala docente, senón porque sentía que se nin sequera tiña interés suficiente en min para aprenderse o meu nome, por que debía telo eu pola súa asignatura? Esta é unha barreira fácil de romper e que nos pode facilitar moito o contacto co alumnado e que mostren máis interese na nosa asignatura. Algo que tamén comentamos na clase foi, relacionado con isto último, a importancia de crear un bo ambiente no que o alumnado se sinta cómodo e poida participar libremente. Algo que nos pasa comunmente aos aprendices na clase de idiomas é que non sentimos a suficiente confianza en nós mesmos para producir, de xeito que é moi importante que o docente sexa unha figura que nos inspire confianza e que saiba traballar a autoestima dos rapaces ao mesmo tempo que os redirixe para que non cometan erros. Esta é unha das cousas que máis difíciles me parece de facer: que os alumnos teñan confianza e que vexan ao docente como unha figura positiva, á que respectan e coa que teñen unha boa relación. Para min, conseguir este equilibrio é moi complicado, xa que é preciso delimitar desde un principio o rol que cada un desempeña na clase, e é algo que me preocupa bastante de cara ás prácticas nos centros.

Con respecto outras das habilidades que debe ter o docente das que comentamos en clase e que considero que debería traballar, está o debuxo. Comprendo a importancia de saber debuxar para transmitir ideas que non se comprenden en inglés sen necesidade de recorrer ao idioma materno, pero así como anécdota e con toda a sinceridade, as miñas habilidades co lapis son tan pésimas que cando intentaba xogar ao Pictionary cos meus alumnos case sempre remataba en críticas á miña maneira de debuxar. Intentarei mellorala para que nalgún momento se deixen de centrar tanto no debuxo e se centren máis no obxectivo da actividade, de todos xeitos.


A parte da clase que me parece máis interesante sempre é na que nos proporcionan ideas de actividades. Ao sermos case todos principiantes na docencia, e ao ter unha experiencia previa tan tradicionalista no que se refire á aprendizaxe de idiomas, resulta difícil ás veces ser creativo e ter ideas divertidas para aplicar nas clases. Nesta aula tratamos as actividades para traballar a escritura, e a verdade é que nunca pensara na grande cantidade de dictados que podemos facer, e nin sequera que puidesen chegar a ser algo divertido para os aprendices. Será algo que seguro que vaia a aplicar nas miñas clases, porque é unha forma amena de que se fixen en como escribir e que ademais (por exemplo, no caso do running dictation) ten un compoñente de competitividade que podemos explotar.

Actividade con fotografías

A seguinte actividade está pensada para ser realizada ao comezo do curso cun grupo de 3º de ESO. Con ela traballaremos a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e a de aprender a aprender. Para desenvolver estas competencias, a actividade estaría centrada nunha fotografía sobre a que os alumnos traballarán. A nosa proposta é a seguinte:

1. Para empezar, realizaremos unha pequena actividade de warming-up enfocada a que os alumnos se solten e gañen confianza para falar. Darémoslles tres afirmacións sobre o docente para que escollan cal é a verdadeira, por exemplo:

- Coñecín a unha compañeira de profesión nun barco
- Teño dous cans
- A miña película favorita é Titanic

Terán que facer preguntas entre todos (un máximo de 7 preguntas por afirmación) para descartar as falsas e descubrir a correcta.

2. A continuación mostrámoslles a través do proxector unha foto como mostra de cal era a correcta. A foto sería a seguinte:



A partir de aquí entraremos na actividade principal, na que os alumnos deben adiviñar como están relacionadas as persoas que saen na imaxe. Para isto, dividiremos a clase en grupos de 4 e mostrarémoslles a fotografía uns 10 segundos. Seguidamente, deben describir todo o que recorden dela nos grupos e plantexar as preguntas que se farán despois para poder adiviñar como están relacionadas as persoas que aparecen nela e quen son. Deberán escribir 3 preguntas nun folio en branco e esas serán as súas preguntas finais. Tras 5 minutos de debate, empezará unha primeira rolda de preguntas (1 por cada grupo de clase) destinada a obter a información que necesitan saber. A actividade continuará deste xeito ata un máximo de 3 roldas. O equipo que consiga a información será o gañador e recibirá unha recompensa (por exemplo, unha larpeirada).

3. Como actividade final para a clase, reflexionaremos sobre as preguntas que fixeron e por que lles serviron ou non para conseguir a información. Podemos facerlles preguntas do tipo: “que outras preguntas podíades ter feito para conseguir a solución antes?” ou “por que credes que as vosas preguntas serviron para conseguir a información?”

4. Finalmente, como actividade de follow-up o alumnado terá que buscar na casa uha fotografía na que saian cun amigo ou persoa cercana a eles e deberán facer unha redacción sobre ella, na que se poden influír as seguintes cuestións: “como vos coñecestes? Que estabas facendo no momento no que tiraron a foto?”. Tamén poden escribir algún recordo que teñan con esa persoa.

Como aportación persoal, unha das actividades que tamén poderiamos realizar na clase sería a comparación desa foto con outra foto máis familiar, por exemplo, esta:



Neste caso, fariamos unha lista de semellanzas e diferenzas entre todos, que o docente iría escribindo na pizarra.

lunes, 23 de enero de 2017

O CALL: novas formas de dar clase de idiomas


 Na seguinte clase de didáctica centrámonos nun enfoque didáctico que pode resultar moi interesante de aplicar á aprendizaxe de linguas estranxeiras: o CALL, ou Computer-Assisted Language Learning. Os meus coñecementos previos sobre este enfoque eran practicamente nulos no que a teoría se refire, pero dunha maneira inconsciente, todos os da clase participamos ou tivemos contacto con el nalgún momento, xa que todos coñeciamos plataformas como Duolinguo, Hot Potatoes, os MOOC e ferramentas para aprender idiomas coma os canais de YouTube. Porén, ningún de nós deu clase de idiomas seguindo o enfoque CALL no instituto, por exemplo. As nosas clases eran moito máis tradicionais nese sentido.

A miña experiencia co CALL está máis ben relacionada coa propia expreriencia como aprendiz autodidacta e como docente. Por exemplo, teño utilizado este tipo de ferramentas para mellorar as miñas habilidades en linguas estranxeiras pola miña conta e interese, e ademais utiliceinas cos rapaces ós que lles dei clase. Con eles utlizaba aplicacións para móviles ou tablets (como por exemplo, "Heads Up!"), así como páxinas web adicadas á ensinanza do inglés ("Learn English for Teens", do British Council) ou canles de YouTube (ASAP Science), que normalmente funcionaban moi ben para tratar algúns temas interesantes. Ademais, a eles gustáballes moito porque variabamos un pouco o que facían nas clases de inglés do colexio e instituto; deste xeito, creábase un ambiente cómodo en clase e a participación e implicación do alumnado era máis activa. Aínda que non consideraría que as clases que impartía fosen exclusivamente centradas no CALL, tamén é certo que o alumnado só escribía en papel en contadas ocasións. Isto débese, en parte, a que a grande maioría dos discentes tiñan boas notas en lingua estranxeira e viñan ás clases para perfeccionar, asentar coñecementos e practicar o inglés oral nun ambiente máis distendido, de xeito que se facía innecesario contar co apoio do papel.

Así mesmo, pareceume moi interesante o tema tratado na clase de como as redes sociais se están transformando en novas plataformas nas que podemos integrar contidos de lingua estranxeira. Máis particularmente, sorprendeume a aplicación que ten Facebook, por ser unha ferramenta utilizada por milleiros de persoas e que todo o mundo ten asociada á socialización. Baixo o meu punto de vista, ten unha gran cantidade de aspectos positivos integrar redes sociais coma Facebook para a aprendizaxe de linguas: para empezar, case todo o mundo está familiarizado con ela e sabe como funciona, ademais de que é un entorno que o alumnado soe identificar co tempo libre e a diversión. Por outra parte, está o feito de que é completamente gratuíto e permite facer unha gran variedade de actividades interactivas cun aspecto moito máis agradable e á que os alumnos teñen sempre acceso, xa que soen ter os teléfonos con conexión a internet en todo momento, e isto facilita tamén que poidan facer as actividades que se lles pidan. Así mesmo, o docente ten control sobre o que fan os alumnos na páxina da materia: sabe cando entran, o que viron, as actividades que realizaron... neste sentido, tamén permite facer un seguimento da actividade de todo o mundo. Pero evidentemente, para cada boa idea tamén texisten os inconvenientes. En primeiro lugar está o feito de que non podemos utilizar Facebook con menores de 18 anos, de xeito que o seu uso limítase bastante en canto a franxas de idade; logo, tamén entra en xogo o feito de que o alumnado non tome en serio a materia (que se asocien as redes sociais á socialización pode traer problemas deste tipo); e por último, por nomear algúns deles, que hai moitas máis distraccións ca en calquera outra plataforma que teña fins educativos.


Encantoume poder coñecer e indagar novos materiais e ideas innovadores que podemos aplicar nas clases. A fin de contas, hoxe en día a docencia está pegando un xiro de 180º e temos que abrir as nosas mentes e explorar novas posibilidades para adaptarnos a estes cambios. Como ben di o refrán, hai que "renovase ou morrer"!

sábado, 21 de enero de 2017

Actividades por competencias

Para traballar algunhas das competencias que vimos en clase, velaquí vai a miña proposta. Nesta aula trataremos o tema de dar indicacións en inglés. Estaría dirixida a alumnos de 3º de ESO e está planteada para ser tratada nunha clase duns 50 minutos aproximadamente.

Nun primeiro lugar, como actividade introdutoria e para facer memoria das frases que se utlizan en inglés para indicar direccións, podemos facer un xogo de busca en clase. A idea sería ensinarlles un obxecto aos alumnos (pode ser incluso un bolígrafo ou calquera tipo de material escolar) e escondelo para despois darlles as direccións e que poidan atopalo. A partir de aquí, podemos comprobar o que recordan e proporcionarlles algunha axuda se notamos algunha carencia, para que así poidan desenvolver as actividades posteriores.

Unha vez rematada esta parte, pasaríamos ao groso da sesión. Nunha aula de informática, preferiblemente, proporcionámoslles unha ligazón de Google Maps. Por exemplo, esta: http://bit.ly/2iNQpi4. Este é o resultado da busca.


A idea é que os estudantes estarían situados nunha cidade dun país de fala inglesa (eu escollín a cidade inglesa de Brighton, por exemplo). Poñémolos na situación de que son estudantes estranxeiros que se atopan en Inglaterra, e que deben chegar aos sitios que lles propoñemos mediante indicacións. Podemos aproveitar ademais para escoller algúns sitios de interese turístico que haxa alí e comentalos en clase, deste xeito o alumnado descubre un pouquiño máis unha pequena parte dunha cidade anglosaxona e pode observar tamén as diferenzas entre esta e as cidades españolas. Algúns sitios que se poderían usar para a realización desta actividade serían ser os seguintes:
  • Parque (Victoria's Gardens)
  • Centro comercial (Churchill Square Shopping Center)
  • Palacio (Royal Pavilion)
  • Museo (Brighton Museum and Art Gallery)
  • Concello (Brighton and Hove City Council)
  • Sitio turístico (Brighton Pier)
  • Teatro (Theatre Royal Brighton)
  • Restaurante (Silo Brighton)
  • Hotel (Hilton Brighton Metropole)
  • Supermercado (Tesco)

Nun primeiro lugar, pode ser o docente quen dé as instrucións, polo menos nun par de ocasións, para que se acostumen á metodoloxía. Despois, sería o turno dos discentes de dar as indicacións: por grupos, poden escoller un sitio e proporcionar direccións para que a clase poida chegar ao lugar proposto. Incluso se pode facer un concurso por grupos para ver quen é o que antes dá co sitio indicado.

Con esta actividade conseguiríamos que os alumnos aprendan a ler mapas, polo que ten unha utilidade real. Se nalgún momento viaxan ao estranxeiro, é moi necesario que saiban orientarse e dar direccións, así como pedilas e seguilas, por ser esta unha acción habitual cando viaxamos. Deste xeito estariamos traballando a competencia lingüística mediante a producción e a interacción oral, pero ademais trataríamos a competencia dixital (deben ser quen de seguir os mapas coa vista satélite online), a competencia de aprender a aprender (como comentamos antes, aprenden a usar un mapa e a orientarse) e a competencia matemática (mediante a interpretación da información espacial, que lles permite deducir o sitio ao que deben dirixirse). Se ademais complementamos esta actividade con un role-play na que un alumno se perde e o outro debe dar indicacións, tamén poderiamos traballar a autonomía e o espírito emprendedor, así como a competencia cultural, ao ter que utilizar fórmulas conversacionais  de cortesía como "excuse me", "please", "thank you" ou "have a good day", que sempre debemos utilizar en inglés.


miércoles, 18 de enero de 2017

O enfoque por tarefas nas clases de lingua estranxeira



Nesta sesión tratamos a aprendizaxe baseada en tarefas, que como o seu nome indica, céntrase en que os alumnos consigan ter unha competencia comunicativa máis efectiva, polo que defende a tarefa como unidade de traballo da aula para que os aprendices se comuniquen de forma real na lingua meta. Para a elaboración destas tarefas, polo tanto, os alumnos deben utilizar tamén unhas estratexias para solucionar os problemas que poidan xurdir. Este tipo de metodoloxía caracterízase pola dependencia das actividades que se propoñen (todas dependen das anteriores) de xeito que o alumno vai contruíndo o coñecemento coa axuda do resto dos compañeiros e do propio docente. Para que o coñecemento se asente, o docente debe proporcionar scaffolding ou andaimaxe, é dicir, debe apoiar a aprendizaxe facilitándolles ferramentas e fragmentando o traballo. Proporcionar este tipo de guías dunha maneira adecuada é esencial para que a Zona de Desenvolvemento Próximo do alumnado se expanda.

Xa que neste método o papel do docente é meramente secundario e se centra en proporcionar estas guías de forma axeitada e eficaz, busquei algo de información sobre como podemos dar ese scaffolding os docentes. Atopei unha entrada do blog “Pupitrelandia” (levado por un docente de Ciencias en Catalunya, Jordi Domènech) na que se dan seis estratexias para o uso de andamios didácticos que me pareceu moi ilustrativa, e na que se comenta a importancia de facer referencia a coñecementos previos do alumnado ou a usar axudas visuais, por exemplo, para que lles sexa máis facil asentar o coñecemento.

Nas clases de idiomas que tiven ao longo da educación secundaria e no bacharelato, non recordo que ningún profesor aplicase este tipo de metodoloxía en clase de inglés. Creo que os profesores máis innovadores no que a metodoloxía se refire foron sempre os de francés. Por exemplo, tiven unha profesora de francés que si que empregou este método connosco: cada sesión tiñamos unha tarefa que facer que presentabamos ao remate da clase. Un exemplo destas tarefas foi a de realizar unha entrevista aos nosos compañeiros de maneira “secreta” e despois facer unha redacción sobre as súas vidas. Creo que xa comentei esta actividade noutras entradas do blog, pero foi unha das que se me quedou máis gravada porque me pareceu un xesto moi bonito, xa que ademais de falar e aprender máis dos colegas, despois obsequiámonos as nosas redaccións coas fotos de cando eramos pequenos. Foi un detalle que me gustou moito e que recordo con moito cariño.
Pero ademais, ao longo do curso tamén debiamos facer outra actividade parella ao traballo da clase, que era un proxecto. Este proxecto íamolo desenvolvendo por grupos e tiñamos unha hora á semana adicado a el. Consistía na elaboración dun noticieiro que incluíse diferentes partes: o tempo, as novas, sección musical, sección cultural, etc. A pesares de ser unha tarefa moi laboriosa, os resultados foran moi bos na meirande parte dos grupos, e ademais puidemos aprender moito e fixarnos máis na corrección da expresión (ao estar todo gravado en vídeo, todos nos esforzabamos máis!). Deste traballo tamén saíron moitas tomas falsas, que despois a nosa profesora nos puxo para que puidésemos rirnos un pouco e fósemos conscientes dos nosos propios erros.

A verdade é que as clases eran moito máis divertidas, e algo que me gustaba moito deste tipo de enfoque era que producíamos algo ao que podíamos volver cando quixésemos. Nas clases de inglés, por exemplo, case todas as actividades eran do tipo exercicios de drills ou redaccións, e aínda que tamén tiñamos ese output que podiamos revisar, non era tan divertido como poder ver o noso propio noticieiro ou a nosa biografía. Baixo a miña opinión, isto pode deberse a que todos os estudantes da miña clase de bacharelato escollemos inglés na selectividade, e ao mellor o feito de que estas probas estén tan próximas cohíbe a imaxinación e innovación do profesorado para propoñer novas actividades e contidos que poidan resultar máis amenos.


Unha das cousas que se falaron en clase que me pareceu conveniente retratar aquí, porque pode ser potencialmente utilizada no método de aprendizaxe por tarefas, foi o aproveitamento dos recursos que nos ofrece a propia cidade na que impartimos as clases. Como é ben sabido, cada cidade ten unhas características históricas e culturais que en moitas ocasións os estudantes nin sequera coñecen, e que nos poden resultar moi útiles tanto para traballar a competencia das expresións culturais como para propoñer tarefas. Un dos exemplos que se propuñan en clase foi o de facer algo especial en Vigo polo día da Reconquista na clase de francés, xa que se rememora a saída á rúa dos cidadáns vigueses para recuperar a cidade fronte aos invasores franceses. Programar actividades deste tipo tendo en conta a historia e a cultura da cidade que habitamos tamén é importante, no sentido de que lles proporcionamos unha visión diferente e traballamos unha parte de cultura xeral que é moi probable que recorden.

martes, 17 de enero de 2017

Como traballar as competencias na clase de idiomas: apreciacións sobre a 3ª sesión


A terceira clase de didáctica foi, quizais, a máis práctica que tivemos ao longo de todo o máster. Nun primeiro lugar empezamos por facer unha actividade de warm-up para coñecernos mellor: consistía en dar tres afirmacións persoais e distinguir cales delas eran verdadeiras e cal era a falsa. Esta actividade recordoume moito a unha que eu apliquei cos meus alumnos, aínda que é algo diferente: o que eu fixen foi facer unha estrela e en cada unha das puntas escribín unha palabra ou número. Logo os alumnos debían facerme preguntas por quendas e intentar adiviñar a que se refería a información que lles proporcionei en cada punta da estrela. Desde logo, paréceme unha boa forma xa non só de presentarse e de coñecerse, senón de avaliar aproximadamente o nivel de inglés que ten cada alumno. Dese xeito, podemos saber de onde partimos sen ter a necesidade de facerlles pasar unha proba escrita ou oral ao alumnado, e ademais é unha actividade pola que soen mostrar certo interese.

Logo pasamos a facer unha reflexión sobre as competencias, o que son e como se traballarían na clase de lingua mediante exemplos de actividades. A pesares de telas visto con anterioridade, o noso coñecemento só incluía os seus tipos, de xeito que foi unha sorpresa bastante agradable poder aplicar algo que coñeciamos de antemán dunha maneira moito máis práctica. Esta parte foi moi interesante sobre todo de cara a planificar as clases nun futuro, xa que é algo que se esixe e que debemos integrar nas nosas aulas. Todos sabiamos, por exemplo, como integrar a comunicación lingüística na clase de idioma estranxeiro, pero que pasa co resto das competencias? Todas elas deben ser traballadas. Unha das competencias que máis me sorprendeu que se puidese traballar tan facilmente en clase de linguas estranxeiras foi a matemática, e non precisamente polo feito de que non fose consciente de que se debe traballar, senón que me parecía moito máis difícil dende o punto de vista de como enfocar actividades de inglés que a incluísen. Pois ben, todas aquelas que inclúan números (por exemplo, a expresión da hora, as unidades de medida, os días e meses do ano, as porcentaxes, etc.) ou que traballen a lóxica son boas formas de aplicar e mellorar a competencia matemática en clase. Parece fácil visto así, pero persoalmente, nunca me parara a reflexionar sobre o aporte que ten o tratamento dos números nas aulas. Outra das actividades propostas que se me fixo innovadora foi unha das que comentamos na competencia cultural. Neste caso, o que eu tiña en mente xiraba máis ben arredor de incluír actividades relacionadas coa cultura que se está aprendendo, no noso caso, a anglosaxona. Porén, esquecía a importancia tamén da cultura de partida, un tema que comentamos tamén na clase do tratamento do erro con Carlos. Neste sentido, tamén é crucial que os estudantes saiban transmitir a súa cultura noutro idioma. A importancia sobre a concienciación e a sensibilidade cultural non só a debemos traballar co alumnado de cara a que aprecien outras culturas, senón tamén a que aprecien a súa e saiban distinguir e transmitir os seus rasgos característicos.

Gustaríame comentar tamén o que aprendín con repecto á competencia dixital, xa que a miña idea era traballar en clase con ordenadores, tablets ou cos recursos dixitais dos que dispoña o centro. Pero a competencia dixital vai máis aló: nas nosas mans está educar para que os discentes desenvolvan boas prácticas na rede. Moitas veces tendemos a deshumanizar ás persoas cando se atopan detrás dunha pantalla e perdemos unha parte de empatía. Concienciar aos adolescentes de que a rede é unha arma poderosa, pero que ten dobre fío, pode previr prácticas como o cyberbullying. Ademais disto, tamén cabe destacar que debemos mentalizalos sobre a fiabilidade do material que se pode atopar e guialos sempre para que poidan discernir que información é útil da que non o é. Todo isto tamén forma parte da competencia dixital: o saber usar a gran variedade de recursos que nos ofrece internet.

Outra das partes da clase que me pareceu máis explicativa e ilustradora foi a que se refire á competencia de aprender a aprender, que fai referencia á autonomía do alumnado á hora de complementar a aprendizaxe das clases. Aquí apareceu un dos grandes olvidados: o dicionario. Como é sabido, hoxe en día xa case nin é preciso ensinarlles aos rapaces a ordenar alfabeticamente, xa que o uso dos dicionarios en papel está decrecendo cada día máis en favor dos dicionarios dixitais. Isto implica un gran aforro de tempo e espazo, pero así mesmo, conleva un descoñecemento de búsqueda dos tipos de palabra que se pretenden atopar. Chamoume moito a atención un dos exemplos que se ofreceron na clase, a tradución ó inglés da frase "gústanme as froitas tropicais, especialmente o mango", por "I like tropical fruits, specially handle". Esta é unha anécdota que nos mostra que a dixitalización dos dicionarios non só ten partes positivas: hai unha realidade detrás que tamén hai que coñecer, porque é unha fonte constante de erros. Para suplir estas carencias, o docente pode mostrar este exemplo en clase para exemplificar que a búsqueda debe ser profunda, non superficial. De feito, paréceme un exemplo tan bo que probablemente o aplique nas miñas clases nun futuro, xa que dunha forma sinxela e directa mostrámoslles a necesidade de saber como e o que buscar.

Por último, foi para min moi revelador o que se tratou sobre a capacidade de iniciativa e espírito emprendedor, xa que hai outros aspectos que se soen ter máis en conta (como a gramática, o léxico, etc.) e esta pasa máis por alto en termos de avaliación. Como xa comentei nunha das entradas anteriores, a miúdo esquecemos que a iniciativa e a creatividade tamén deben ser premiadas. Ao longo da miña etapa educativa, nunca tiven un docente de inglés que nos dese certa liberdade para facer os traballos que nos propoñía. Si que os tiven en clase de francés, e os resutados que obtíñamos eran considerablemente diferentes: en inglés nunca obtíñamos nada tanxible e creativo, todo eran redacións, exames ou exercicios para entregar; porén, nas clases de francés fixemos, por exemplo, un noticieiro con diferentes apartados (falando de clima, deportes, novas...), noutra ocasión fixemos un planning de visita a unha cidade francesa da nosa escolla con un mural para expoñer, incluso chegamos a facer as biografías dos nosos compañeiros mediante entrevistas "de incógnito" (sen que o entrevistado se dese de conta) como regalo do amigo invisible. Quizais unha das razóns para que non fixésemos este tipo de actividades foi que en francés o alumnado era moito máis reducido, mais tamén penso que se podería adaptar unha actividade a un grupo por probar se funciona. Se non, estaremos condenando as nosas clases a caer nunha rutina, e os alumnos tamén se poden acabar desmotivando e estancando a súa aprendizaxe.

En conclusión, a clase pareceume moi útil, sobre todo no que se refire a aporte de ideas para implementar nas aulas e tamén para concienciarme da necesidade de dispoñer de creatividade e enxeño para ser unha boa docente.