lunes, 6 de marzo de 2017

Actividades de expresión escrita, parte II

 Na terceira sesión aprofondamos un pouco máis sobre o visto o último día, que xirou entorno ás actividades de expresión escrita. Este tipo de actividades soen ser máis "pesadas" de facer para o alumnado, xa que a produción oral é algo que se fai no momento e do que tes un feedback instantáneo, pero na escrita non pasa así, de xeito que soe ser unha das tarefas que se fan na casa. Ademais, algo negativo que ten escribir en inglés para o alumnado é que para eles non ten un propósito: facer drills, por exemplo, ou escribir un e-mail falando sobre os beneficios da comida saudable non é atractivo de facer para eles. Polo tanto, é a nosa tarefa darlles un propósito ás actividades de expresión escrita para que queiran facelas de forma correcta e que se motiven a escribir en primeiro lugar. Unha boa forma de lograr isto é mediante un programa de intercambio de cartas cun instituto británico, escribir ao docente información sobre si mesmos, escribir algo para un concurso do instituto ou un traballo con información sobre algo para colgar na clase ou nos corredores. O feito de expoñer algo da súa creación soe ser unha actividade que lles gusta realizar, así que podemos aproveitar esa baza para propoñerlles tarefas que se lles fagan máis levadeiras.


Outras das actividades de produción escrita que me parecen, ademais de completas, interesantes de facer, son tanto a de Ode to an object como a da descripción a través dos cinco sentidos. Foron actividades que nunca realicei na clase e que me parecen moi inspiradoras e creativas, que desenvolven a imaxinación dos rapaces dunha maneira extraordinaria. Por outra parte, tamén falamos de que os vídeos, cancións ou imaxes tamén nos poden servir para facer actividades de produción tanto escrita como oral. En clase falamos do vídeo de Ormie the pig, xa que a partir del pódense crear unha grande cantidade de actividades para diversos niveis. Un vídeo que me recordou moito ao de Ormie é The Gift, un corto sen voz (só con banda sonora) que tamén utilicei con alumnos de diversas idades para facer descricións, utilizando un vocabulario máis pobre no primeiro caso e un rexistro máis elevado no segundo. Ademais, os adolescentes poden sentirse identificados en certa forma co que conta o vídeo, que trata sobre a dor que produce unha ruptura amorosa e a felicidade de atopar un novo amor. Debo dicir que nas miñas clases tamén deu lugar a un debate candente entre rapaces e rapazas sobre quen era o culpable da ruptura, de xeito que polo menos a participación foi bastante activa, aínda que seguiu un derroteiro un pouco off-topic do que eu pretendía nun principio. O corto en cuestión é o seguinte:



 Á hora de describir emocións e acontecementos, un dos short clips que escollín para ensinar en clase é o do inicio da película Up, que a maior parte dos rapaces xa coñecen. Por iso mesmo me parece que lles chega moito mellor a mensaxe e a emotividade do vídeo quizais, e considero que podería ser unha boa opción para traballar tamén en diversos niveis xa sexa na escrita ou no oral.


 Outro dos cortos co que penso que tamén se poden sentir identificados pola idade na que se atopan é o seguinte. É a historia dunha rapaza e do que sinte tanto ela coma os pais cando ten a súa primeira cita. Unha das actividades de expresión escrita que se pode realizar é a de preguntarlles se algunha vez estiveron na mesma situación cá protagonista e que pasou, ou como actuarían se o estivesen nalgún momento. Ademais de ser un tema divertido, é moi comprensible por parte de todo o público.


 Pola contra, se o que queremos é que traballen con fotografías, podemos proporcionarlle material de diverso tipo para que fagan comparacións, ou incluso ofrecerlles distintas opcións para que elixan unha delas. Algúns exemplos poderían ser os seguintes:





 Na segunda parte da sesión centrámonos de novo na avaliación, e é que calquera destas actividades son boas maneiras de determinar se a expresión escrita do alumnado é a adecuada. Evidentemente, debemos facer un seguemento do seu progreso mediante a avaliación continua, mais ás veces hai profesores que ven necesaria a realización dunha proba final que inclúa todo o que se fixese na materia. Pois ben, no caso das linguas, con unha simple redación xa podemos ver se o alumno está aplicando todo o que se aprendeu na materia, porque a aprendizaxe desta é continua: ningún alumno pode aprender un día a usar o presente continuo e esquecelo ó seguinte, porque o vai usar de novo tanto na fala como na escrita. Deste xeito, calquera das actividades propostas anteriormente son útiles a efectos de avaliar a competencia escrita ou oral dos discentes.

1 comentario:

  1. Estupenda entrada, os vídeos e fotos que suxires poden funcionar moi ben a varios niveis. E tamén é moi atinada a reflexión que fas sobre o uso das actuividades de expresión propostas como elementos de avaliación.

    ResponderEliminar