Nesta clase fixemos fronte a quizais unha das tarefas máis
imporantes e difíciles para o profesorado: a avaliación. Dende
pequena recordo ben que a maior parte dos meus exames non avaliaban
coñecementos, se non a aprendizaxe memorística, de xeito que a
única avaliación que tiñamos era de memorizar, escribir e olvidar.
Porén, sabemos que nas clases de idioma esta maneira de avaliar non
só non é recomendada, senón que é imposible se queremos ter un
coñecemento, aínda que sexa mínimo, do idioma que é impartido.
Para empezar, comezamos falando sobre os diversos tipos de avaliación
que existen e como facer unha avaliación correcta. Antes de nada, as
características que debemos ter en conta á hora de avaliar son a
transparencia (o alumnado debe saber que puntúa e de que maneira), a
validez (debemos avaliar sempre tendo en conta o que fixemos e demos
na aula; non se poden avaliar competencias ou coñecementos non
practicados) e a factibilidade (as probas de avaliación deben ser
axeitadas ó tempo do que se dispón en clase para realizalas).
Porén, unha das cousas máis interesantes de analizar, baixo o meu
punto de vista, é o seguinte: que tipos e intrumentos de avaliación
aplicamos na clase de idiomas?
As clases de idiomas son interdisciplinares; é dicir, cando
avaliamos a un alumno dun idioma determinado estamos avaliando
diversas competencias, como a expresión e comprensión oral, a
expresión e comprensión escrita, a recursividade, a expresividade,
a fluidez, a capacidade de reacción... Con este compendio tan
heteroxéneo de habilidades, como podemos avaliar da maneira máis
xusta posible? A solución está en ser consecuentes e razoables co
que lle estamos pedindo ao alumnado en cada caso e realizar unha
avaliación de carácter global e equitativo, de xeito que se avalíen
tódalas competencias dunha maneira continua e asegurándonos de que
non estamos favorecendo a certos alumnos en detrimento doutros.
A primeira desas afirmacións pode parecer moi lóxica, pero seguro
que todos tivemos algún profesor que nos avaliou (ou incluso algún
de nós puido avaliar) os erros ortográficos nun exame de lectura,
por exemplo. Se nunha proba estamos avaliando a comprensión lectora
do alumnado, por que lles descontamos puntos se escriben mal unha
palabra? Isto non sería lóxico se temos en conta o obxectivo
principal desa proba, que é saber se o alumno en cuestión entendeu
ben un texto ou leu un libro de lectura obrigatoria. Debemos ter en
mente o que estamos pendindo que o alumnado faga e ser consecuentes;
doutro xeito, estaríamos caendo en facer correccións que poden
desmotivar e confundir ao alumnado, xa que o que esperamos deles
cando propoñemos unha actividade e cando a corriximos debe ser o
mesmo. Un exemplo que me parece excelente é o que se fai nas clases
de inglés do I.E.S. Alexandre Bóveda de Vigo, centro no que
actualmente me atopo realizando as prácticas externas. Esta mesma
semana o alumnado de 3º de ESO levou a cabo as probas de comprensión
oral, para o que tiveron que responder a unha serie de preguntas dun
listening sobre o tema da supervivencia. Cabe destacar que
aparte de que este tema foi moi traballado en clase, o material
utilizado contiña moito do vocabulario que xa se vira; pero aínda
así, se o alumnado é capaz de entender o que di o audio pero non o
transcribe correctamente, a resposta tamén se dá como válida. Por
exemplo, no listening comentábase que unha señora escordara
un nocello (en inglés, the lady twisted her ankle);
porén, a pesares de que un dos alumnos o escribiu como "ancle",
levou a puntuación completa nesa pregunta.
Con respecto a que debemos facer probas globais e que avalíen moitas
destrezas, isto é particularmente necesario nas nosas clases. Para
poder facer isto da maneira máis eficaz, máis fiable e máis
transparente posible, o ideal é contar cunhas ferramentas de
avaliación que nos axuden a ter en conta os aspectos positivos e
negativos do traballo de cada alumno e obter así unha calificación
máis obxectiva. Non obstante, ao ter que avaliar tantas cousas, eu
usaría diferentes ferramentas. Cando somos novatos, ademais, penso
que cometemos máis erros no que a avaliar se refire, de xeito que
todo sería cuestión de modificalas e perfeccionalas co paso do
tempo. Nun principio, si que me gustaria usar grellas de avaliación (que ademais, tivemos que crear para outra asignatura mediante a ferramenta RubiStar) sobre todo para a produción escrita, e as listas de control
parécenme moi útiles para a produción oral. Se ademais lles
proporcionamos aos alumnos unha copia destas ferramentas que imos
utilizar para avalialos, facemos a nosa forma de avaliar moito máis
transparente, e polo tanto, isto debería reflectirse tamén nas
cualificacións.
Por último, polo xeral tamén temos a impresión de que a avaliación
debe realizarse sempre unha vez rematado o proceso de aprendizaxe.
Dende logo, para min sempre foi así tanto na educación primaria,
como na secundaria e na maior parte das asignaturas da universidade.
Porén, unha lingua é algo ao que hai que ir incorporando
vocabulario, reglas gramaticais e expresión cada vex máis
complexas, de xeito que o utilizar a avaliación formativa para
avaliar as capacidades do alumnado cobra sentido. Porén, eu tamén
realizaría unha proba de avaliación inicial e unha proba de
avaliación sumativa ao rematar as clases. Eso si, serían anónimas
e non contarían para a nota; simplemente serían informativas tanto
para saber de que nivel partir ao plantexar as clases como para
avaliar se se cumpliron as expectativas e os obxectivos do curso.
Ámbalas dúas probas poden ser simplemente orais: non é necesario
"estresar" ao alumnado facéndolle pensar en máis probas
de avaliación, pero si sería bo tomar certas notas ao principio e
ao final das clases para ver o seu progreso. Analizar conxuntamente
estes dous tipos de probas pode darnos unha información moi
importante tanto de como evolucionou o alumno, como dos aspectos que
non quedaron de todo claros para o conxunto do grupo. Noutras
palabras, permite avaliar tamén a labor do profesorado, que é un
dos grandes olvidados no proceso de avaliación, pero que tamén é
necesaria para mellorar as nosas habilidades docentes. Ademais de
facer unha proba sumativa, eu tamén intentarei pasar un cuestionario
ao alumnado para que avalíe a miña labor. Isto permitirame
redirixir e replantexar mellor como presento algunhas cousas na clase
para que queden máis claras ou saber se o que explico cala na mente
dos discentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario