A sesión de debate foi, quizais, a máis proveitosa e fructífera da materia de
Didáctica; e se me descoido, unha das mellores do máster sen
dúbida. Foi unha clase moi práctica que nos permitiu expoñer as
opinións que tamén fomos formando ao longo das clases, xa que (non
sei se falo por todos, pero dende logo que para min foi así) o
máster tamén axudou bastante a forxar unha idea e unhas opinions
máis fundamentadas do sistema educativo e da ensinanza en xeral. Xa
noutras clases tiveramos a oportunidade de falar de temas como os
informes PISA e se os resultados que se obteñen son realistas, por
exemplo, e tamén comentamos a aplicación das novas tecnoloxías na
clase. Pero ao estar todos xuntos, persoas con diferentes opinións e
experiencias, sempre podemos sacarlle máis partido para ver as
diversas caras do prisma polifacetado que conformamos como clase.
Nun primeiro lugar, comezamos por comentar o tema dos deberes, que
ultimamente estase poñendo moi de moda polas declaracións dalgúns
pais ao respecto, como foi o caso da humorista Eva Hache nun programa de televisión no que afirmaba que o seu fillo non ten
deberes "porque ameazou aos profesores". Polo xeral temos a
impresión de que os rapaces de hoxe en día viven agobiados: entre
ir á escola, estudar para os exames, facer os deberes e as tarefas
extraescolares, pouco tempo lles queda para invertir en xogar e
distraerse. Pero realmente podemos culpar aos 10 ou 15 minutos de
deberes diarios de que non lles cheguen as horas do día? É ben
sabido que as horas que temos de clase non son suficientes para
practicar tódalas destrezas en tódalas clases, de xeito que
tendemos a deixar a produción escrita como tarefas para realizar na
casa por ser unha actividade que require de moito tempo e recursos
cos que non contamos nun instituto (por exemplo, nunha clase pode
haber un dicionario para 30 persoas que se teñen que turnar cada vez
que queren saber como se escribe unha palabra). Polo xeral, xa son os
propios alumnos os que prefiren facer as composicións escritas na
tranquilidade das súas casas, botando man dos recursos que precisen
e coa liberdade de elixir cando facelo. Por isto, considero que as
tarefas de facer na casa son necesarias, e non só por esta razón,
senón porque tamén é de grande axuda para o alumnado que precisa
dun reforzo extra, que non lle é suficiente o que se dá na clase
para comprender e saber facer o que se lle pide. Polo tanto, á
pregunta "deberes: si ou non?" a miña resposta é un si,
pero con cordura. Non podemos cargar aos alumnos de exercicios, tendo
en conta que teñen unhas 10 asignaturas máis e que tamén deben ter
tempo de lecer. Pero si son necesarios nalgunhas ocasións e en doses
razoables. As conversacións sobre este tema de debate deron paso a
comentar tamén os baixos resultados do alumnado español nas probas
PISA, no que chegamos a acordo no sentido de que non reflicte da
maneira adecuada as competencias do alumnado. A partires deste tema de debate, entramos no seguinte: libros
tradicionais ou libros electrónicos e novas tecnoloxías en clase? A
maioría de nós tamén coincidimos neste aspecto: intentaremos
empregas as novas tecnoloxías en clase (pizarras dixitais,
proxectores, ordenadores...), pero sempre tendo material en papel
polo que seguir as clases (xa sexa libro tradicional ou apuntes e
material que proporcionemos) e, xa dependendo un pouco máis do
regulamento do centro, deixaríamos o uso dos teléfonos para
consulta de dicionarios ou algunhas actividades (Kahoot) en ocasións
puntuais.
Porén, outros temas que si me gustaría ter comentado xiran un pouco arredor da preparación do alumnado en inglés xa non
só para superar os cursos, senón tamén de cara a aprobar unha
proba de nivel externa (tipo exames de Cambridge, da Escola Oficial
de Idiomas...). Ultimamente é a miña impresión é que se lle está
dando moita importancia a este tipo de probas ante a crecente demanda
de acreditacións de inglés para acceder a certo tipo de
oportunidades laborais. Sei, de feito, que en moitas academias
privadas hai cada vez máis xente que se dedica a "prometer"
ao alumado que ao pagaren unha matrícula, sairán de alí co
suficiente nivel de inglés como para sacar un B2, cando en realidade
a maior parte dos matriculados non chegan a un A2. A toda esta xente,
gustaríame dicirlle que somos docentes de inglés, non profesores de
Hogwarts: nin facemos maxia, nin podemos prometer milagres. Por outra
parte, tamén hai certa tendencia a criticar ao sistema educativo
español por non preparar aos alumnos de bacharelato para realizar
este tipo de probas, e incluso hai peticións de xente que esixe que
unha vez rematado o bacharelato se lle entregue unha acreditación de
B1 en primeira lingua estranxeira. Pero realmente, aprobar o
bacharelato e incluso a selectividade non é indicador ningún de que
os alumnos cheguen a ese nivel. Isto débese a que en moitos
institutos aínda non se están realizando avaliacións por
competencias, por exemplo, de xeito que hai alumnos que pasan todo o
seu período de escolarización escribindo en inglés, pero sen saber
articular unha soa palabra. Deste xeito, poderiamos dicir que non
sería xusto outorgar estas acreditacións a tódolos alumnos, e
facer de novo outra proba externa independente das PAU para
determinar quen dá o nivel resultaría pouco rentable.
Con respecto tamén ás debilidades do noso sistema educativo, outro
tema que me gustaría ter debatido é o tratamento da motivación e
da autoestima na aula de idiomas. Paréceme un tema básico que
tratar con adolescentes, pero moitísimo máis aínda en clases nas
que lles é necesario expresarse e ter certa seguridade en si mesmos
para saber errar e rectificar. Non só me parece que debería
tratarse este tema en clase de titoría, senón que deberiamos
incluílo tamén nas clases de linguas. Polo xeral, a falta de
autoestima non se nota tanto nas nosas linguas maternas porque soemos
pensar que temos un dominio eficaz do idioma e podemos saír do paso,
pero e nas clases de idioma estranxeiro? Aquí está o quid da
cuestión. Quen non se sentiu inseguro algunha vez cando o mandaron
saír a presentar por primeira vez en inglés?
Por isto considero que é un tema ben importante e que se debe
atallar ao principio de curso xa. En moitas ocasións percibo que o
alumnado non participa por medo a errar, e non se dá de conta de que
no erro é onde está a aprendizaxe. Isto tamén se pode deber á
forma na que os docentes tratamos e estigmatizamos o erro, mais o
feito de que os adolescentes teñan tan pouca confianza en si mesmos
non axuda. Un método que utilizaría nas primeiras semanas de clase
é a de intentar que a participación sexa o máis elevada posible
mediante exercicios que traballen a autoestima, como por exemplo os
seguintes:
-
Anuncios por palabras: cada alumno debe escribir nunha lista que pode ofrecer ao grupo-clase (p. ex.: boas habilidades comunicativas, sentido da responsabilidade, axuda en clases de matemáticas, axuda ao docente para encender o canón porque é moi alto, axuda cando haxa problemas de son ou de acendido do ordenador...). Esta é unha boa forma de que cada alumno vexa que pertence ao grupo porque ten algo que aportar e unha maneira de que vexa que pode axudar e que destaca en algo.
-
A lista das virtudes: consiste en que cada alumno escriba nun papel aprox. 3 cousas boas e outras 3 malas de si mesmo, e que despois un dos alumnos engada como mínimo outras 3 cousas positivas de maneira anónima. Unha vez completada a tarefa, o papel será devolto ó alumno ó que fai referencia para que entenda que hai moitas cualidades que pode ser que non aprecie, pero que os demais si perciben.
-
O favorito do profe: esta actividade consiste en que o profesor debe repartir a cada alumno unha frase con unha habilidade, algo positivo ou o mellor que cada alumno teña para superar a asignatura, reafirmando así as súas capacidades.
Todas estas actividades faríanse en inglés, evidentemente, para
aprender e practicar o idioma ao mesmo tempo que construimos a
confianza e a autoestima co alumnado. Ademais, tal e como comentei en
entradas anteriores, para logralo deberiamos revisar se as
correccións que lles facemos son consecuentes co que pretendemos,
que é que non se desmotiven polos erros que cometen e que sigan
adiante co inglés.
Para concluír, unha crítica constructiva que faría desta sesión
foi que non contásemos con máis tempo para debater con máis calma.
Só nos deu tempo a debater sobre dous ou tres aspectos dos que
estaban plantexados desde un principio, pero ademais estou segura de
que moitos de nós tiñamos moitos temas que nos gustaría tratar e
que non nos foi posible pola falta de tempo. Pode parecer que catro
horas son moitas para dedicarlle a unha clase asi, pero non o é;
máis que nada, porque ao xuntar ás dúas aulas acabamos sendo moita
xente e a moitos quedáronnos moitas cousas no tinteiro por comentar.
A pesar de que o que se tratou comentouse pormenorizadamente,
considero que ás veces tiñamos que cambiar de tema non porque non
houbera máis posibilidade de exprimilo, senón máis ben por falta
de tempo para falar sobre o resto.
Ja ja! Encántame! Frase que prometo utilizar no futuro: Somos profes de inglés non de Hogwarts!!
ResponderEliminarParécenme moi boas as ideas sobre traballar o fomento da autoestima. De feito, algunha das actividades que propoño (unha sobre Class Atmosphere, na que hai que escribir algo bó dos compañeiros que non te sexan moi simpáticos)vai encamiñada a eso.
Eu tamén penso que o tempo non foi abondo. De feito, tiñamos máis ideas de temas a tratar pero as desbotamos porque sabíamos que non ía chegar. Pero o problema é que nós tampouco estamos en Hogwarts e a Universidade nos limita a oito sesións! O ideal sería poder ter máis sesións, e adicar alomenos unha hora de CADA sesión a debater sobre os temas que xurdiran nela. Tamén nos gustaría ter máis tempo de clase para que vós, alumnas, poidesedes presentar as actividades deseñadas en clase diante das compañeiras, pero non é así.De todos xeitos, opino coma ti, é unha sesión da que de ningunha maneira podemos prescindir, aínda que se nos quede curta.
Felicítoche polas túas entradas no blog. Suscribo todo o que comenta Luz e simplemente non dou crédito ás palabras de Eva Hache cando dí que ameazou ós profesores do seu fillo.
ResponderEliminarMoita sorte!