lunes, 6 de marzo de 2017

O labor docente dentro e fóra da aula: o método CLIL e as titorías

 Esta foi a primeira das sesións que tivemos con dúas partes divididas tan claras e diferentes, xa que a primeira parte da clase impartiuna Ana e ás dúas últimas horas veu Luz para rematar de falar sobre as titorías. Neste sentido, nesta última sesión anterior á de debate tratamos temas relacionados co noso labor docente fóra da aula, como poden ser a colaboración do departamento de inglés cos outros departamentos que utilicen o método CLIL e os labores de titoría nos centros.

Con respecto á primeira parte, esas dúas horas xiraron arredor do CLIL e dos auxiliares de conversación e de se pode ser ou non unha experiencia positiva para o alumnado. A verdade é que sobre o tema do CLIL xa tiñamos falado en materias anteriores, e teño que dicir que a pesar de que todo o mundo ten algún familiar ou coñecido que impartise ou que lle foron impartidos aulas segundo o método CLIL; eu non podo falar da miña experiencia directamente, porque non tiven oprtunidade de participar neste tipo de programas. O mesmo pasou cos auxiliares de conversa, nunca tiven a vantaxe de contar con un nativo que nos axudase na clase ata a miña entrada na universidade. Porén, xa falei con anterioridade neste blog sobre a experiencia de meu irmán, que si viviu ámbalas dúas experiencias e que el considerou moi positivas para afianzar algúns coñecementos de vocabulario e coller máis soltura no inglés. Tamén cabe dicir que meu irmán cursou en inglés a asignatura de Xeografía e Historia en 2º e 3º de ESO, e que o profesor que impartía esa materia tiña un moi bo nivel de inglés. Ademais, o auxiliar de conversa tamén estaba especializado nesa área, de xeito que contaban con moita axuda para preparar as clases e, aínda que ás veces cometían algún fallo de idioma, polo resto todo foi bastante ben.

Non obstante, a realidade pode ser bastante diferente dependendo da materia e do nivel de inglés do docente que imparta esa materia en cuestión. A min, por exemplo, pareceríame moi complicado dar materias como Matemáticas ou Física e Química en inglés. En clase xa falamos de que pode ser moi útil para alumnos que queiran perseguir carreiras de carácter técnico ou científico, xa que o inglés é o idioma utilizado nese mundo, mais a min ségueme parecendo un pouco complicado por seren das materias que teñen uns índices de suspenso máis elevados. Por outra parte tamén está o feito de que o único requisito académico para que un docente poida impartir a súa materia noutro idioma é acreditar un nivel B1. Paréceme un nivel de usuario intermedio a nivel independente, pero bastante básico a nivel académico. É evidente que un docente que queira participar neste tipo de experiencias sabe que vai ter que traballar máis o idioma, preparar máis as clases e debe ter un interese tamén no idioma, de xeito que dáse por sentado que os profesores que o solicitan teñen ánimo e ganas de facer que todo funcione correctamente, pero ás veces os erros que eles cometan poden fosilizarse tamén nos alumnos. Nunca esquecerei o exemplo que unha compañeira nos puxo en clase, na que a un coñecido seu se lle fosilizou a expresión "realise an exercise" polo seu profesor de CLIL. Por iso penso que aínda que o CLIL é moi útil para que o alumnado adquira vocabulario, mellore en xeral a súa comprensión e produza máis noutro idioma, tamén é moi preciso que dende os departamentos se bote unha man para intentar mellorar tamén a seguridade do docente ao dar a clase. A idea de Ana de aproveitar as clases de reforzo de inglés para revisar vocabulario, expresións, etc. que puideran ser útiles para a clase de CLIL pareceume xenial para preparar ao alumnado tamén.

Con respecto á segunda parte da sesión, tratamos o tema da titoría. Como é ben sabido, cada titor dun curso do centro conta cunha hora de titoría á semana para traballar co alumnado algúns temas transversais, comentar os problemas e dificultades que poidan xurdir entre compañeiros ou cos profesores, expoñer queixas e suxestións, aproveitar para crear un grupo-aula unido, debater sobre algúns dos problemas da adolescencia ou da sociedade en xeral. Trátase de crear unha conciencia nos rapaces, ao mesmo tempo que fan actividades máis distendidas e aprenden uns doutros.

Algo que non sabía cando rematamos as clases e que aprendín xa nas prácticas foi que o departamento de orientación tamén pode ofrecer axuda aos titores e titoras dos cursos, dependendo das necesidades que teña o grupo-aula titorando, con material sobre o que traballar algúns temas. Polo menos, así pasa no centro no que me atopo agora mesmo realizando as prácticas, aínda que debo recoñecer que contan cun excelente departamento de orientación, preocupado e interesado polo benestar e a integración do alumnado, de xeito que pode ser que non en tódolos institutos haxa estas facilidades para os docentes.

Eu tamén fixen unha bree recopilación de material audiovisual co que tratar algúns dos temas para titoría. En primeiro lugar, unha película que poñería na hora de titoría sería Inside out (Del revés), xa que me parece que reflicte o cambio da actitude e o pensamento dende que somos pequenos ata que chegamos á adolescencia, de xeito que lles pode servir para reflexionar sobre as súas propias decisións e comportamentos. Unha largometraxe que eu vin no instituto na hora de titoría foi La clase, unha película que mostra a realidade de moitas aulas de institutos conflictivos. O bo que ten este filme é que permite explorar a outra cara do sistema educativo que eles non ven: o punto de vista do docente que debe lidiar cun grupo desestruturado e con faltas de comportamento. Con este tipo de materiais permítesenos tratar a empatía tamén, que é algo importante para que a convivencia no centro sexa o mellor posible e para fomentar o entendemento e o diálogo entre o alumnado.


A continuación deixo unha lista de cortos ou vídeos que poden servir para ser traballados en horas de titoría e cos que traballar diversas temáticas cos rapaces:

1. Bullying: For the Birds


2. Cambio climático: What if all the ice melted on Earth?

3. Empatía: Living with depression



4. Violencia de xénero: "Slap her": children's reactions


5. Autoestima: Taking pictures of things I find beautiful


6. Cyberbullying e consumo responsable de internet: You look disgusting


7. Inclusión e diversidade: Love has no labels


8. Estigmatización e igualdade: Always like a girl


9. O sistema educativo: Alike


Todos estes vídeos permiten facer reflexións e críticas co alumnado sobre a situación actual e que queremos para o noso futuro, así como buscar modos de cambialo. Deste xeito, ademais de fomentar a creatividade, tamén espertamos neles o espírito crítico e o sentido da xustiza.

3 comentarios:

  1. Chapeau! Outra entrada magnífica. Tes feita unha selección estupenda de vídeos nos que podes combinar temas de titoría con actividades de inglés, sexas ou non titora. O de For the Birds useino varias veces. Tamén recomendo a película Cobardes para o tema do acoso. Nós vimos a peli en castelán (é española) pero fixemos traballo de expresar opinións e role play en inglés. Usarei as túas recomendacións e o próximo curso, moitas gracias por compartilas.

    ResponderEliminar
  2. Nos fas referencia aos cursos de PMAR, dos que tamén se falou na sesión, pero moitas das actividades que suxires, adaptadas ao seu nivel, poden funcionar estupendamente.

    ResponderEliminar
  3. Qué colección de vídeos para poder usar! moi bo traballo. Só un comentario, efectivamente tes razón respecto ás posibles carencias no idioma estranxeiro que pode ter o profesor CLIL, pero a capacitación mínima requerida é un B2, non un B1 como ti dis, e con un B2 se supón que pode manexar a clase.

    ResponderEliminar